Baixa a protección policial a vítimas da violencia machista embora se manter o nivel de denuncias

Embora se manter o número de denuncias, na actualidade hai 5.000 mulleres menos con protección que cando Mariano Rajoy chegou ao poder. Sindicatos e colectivos denuncian os recortes do executivo nesta mateira. 

As mulleres vítimas de violencia machista que teñen protección policial é un 24% menos que en 2011, ano no que Mariano Rajoy chegou ao goberno español. Un importante recorte malia que o número de denuncias non descendeu e mantense en niveis parellos ao de hai cinco anos. Segundo a información na Cadena Ser da xornalista Mariola Lourido, cando Rajoy accedeu á presidencia eran 17.231 mulleres as que contaban con esta protección das forzas de seguridade, unha cifra é agora de 5.000 menos. Sindicatos e colectivos denunciaron nestes anos os recortes e tesoiradas do goberno do PP en materia de loita contra a violencia machista.

O número de mulleres asasinadas embora ter denunciado previamente aumentou nun 43% durante estes anos

O Ministerio do Interior, aclara a Ser, non explicou as causas deste importante descenso no número de mulleres protexidas a pesar dos requerimentos da cadea radiofónica.

Entre as mulleres vítimas da violencia machista que están en risco extremo ese descenso nestes cinco anos de goberno do PP no Estado foi do 84%. E entre as que están en risco alto tamén houbo unha baixada considerábel nas proteccións: pasaron de ser 306 mulleres en 2011 a 135. Porén, o número de mulleres asasinadas embora ter denunciado previamente aumentou nun 43% durante estes anos.