Violencia machista no Estado español: catro mulleres e dous nenos asasinados

Cartaz contra a violencia machista nunha protesta recente. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Os crimes tiveron lugar en Zafarraya (Granada), As Pedroñeras (Cuenca) e Fuengirola (Málaga).

Unha vaga de violencia machista sacudiu o Estado español durante a xornada de hoxe, con até tres crimes que lle custaron a vida a seis persoas: catro mulleres e dous nenos.

O primeiro deles tivo lugar no municipio granadino de Zafarraya, onde dúas mulleres, unha de 49 anos e a súa filla de 20, faleceron na madrugada por disparos con arma de fogo. Así mesmo, no lugar do crime atopouse o cadáver dun home de 34 anos morto dun disparo na cabeza.

Así o transmitiu nun audio remitido aos medios o subdelegado do Goberno na provincia, José Antonio Montilla, que aclarou que a vítima máis nova é a parella ou ex parella do varón falecido, presunto autor da morte das dúas mulleres.

Máis tarde, desde o municipio das Pedroñeras (Cuenca) informaban do achado dos restos dunha muller e os seus dous fillos na súa vivenda.

A vítima adulta estaba incluída no Sistema de Seguimento Integral nos Casos de Violencia de Xénero, segundo confirmaron fontes do Executivo manchego, que tamén comunicou a detención dun home, o ex marido da muller e pai dos dous menores asasinados.

E, o terceiro e último crime machista, foi en Fuengirola (Andalucía). Unha muller de 76 anos morreu estrangulada a mans da súa parella, un home de 75 anos que tratou de quitarse a vida inxerindo unhas pílulas, pero xa está fóra de perigo. Segundo revelou o delegado do Goberno estatal en Andalucía, Pedro Fernández, o autor confesou nunha carta antes de intentar suicidarse.