Varíola do mono: ascenden a tres os casos sospeitosos na Galiza

Un sanitario sostén unha mostra para realizar unha análise PCR. (Foto: Europa Press)
Sanidade activou a pasada semana o protocolo para a detección de casos após decretarse a alerta sanitaria.

A Consellaría de Sanidade detectou recentemente dous novos posíbeis casos de varíola do mono, que se enviaron ao Instituto de Saúde Carlos III (Madrid) para a súa análise. Así, son xa un total de tres os supostos que apareceron na Galiza e están en estudo, todos eles á espera da diagnose definitiva.

Na pasada sexta feira, Sanidade enviou a Madrid as mostras da primeira das persoas que presentou no país un cadro compatíbel coa definición da varíola do mono. Agora, a dirección xeral de Saúde Pública comunicou ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias outros dous casos.

Segundo destaca esta segunda feira a Xunta a través dun comunicado, á espera dos resultados definitivos, estas tres persoas atópanse nunha situación estábel.

Após a alerta internacional sobre varíola do mono decretada o pasado 17 de maio, Sanidade adaptou o protocolo para a detección de posíbeis casos ao recibido do Ministerio Sanidade a pasada semana.

O novo documento estabelece unha nova definición para buscar e detectar novos casos e concreta a consideración de contacto, á vez que incorpora as medidas de prevención e precaución que debe adoptar a cidadanía e o conxunto de profesionais dos centros sanitarios.

A OMS demanda máxima prudencia

A Organización Mundial da Saúde (OMS) vén de advertir que nas vindeiras datas seguirán a aumentar os casos de varíola do mono no mundo, unha doenza da que alertou o Reino Unido o pasado 14 de maio após detectar varios positivos, que xa se estenderon a unha ducia de países, entre eles o Estado español.

"A situación evoluciona de tal modo que a OMS cre que haberá máis casos identificados a medida que a vixilancia se estende en países que non son endémicos", precisou, ao tempo que salientou que aínda non foi posíbel estabelecer o foco e a ruta desta vaga de contaxios.