"Unha visita á Galiza é un retroceso a unha era menos globalizada": así presenta Vigo unha navieira estadounidense

Vista aérea do porto de Vigo. (Foto: Europa Press)
A compañía Holland America Line fai publicidade dun cruceiro con escala na cidade olívica aludindo a unha Galiza "pobre e rústica" que ficou "illada" por mor "da ditadura de Franco e do contrabando".

"Unha visita aquí pode sentirse como un retroceso a unha era menos globalizada". Con estas palabras, alén dos cualificativos "illada", "pobre" ou "rústica", promove a compañía de transporte marítimo de pasaxeiros Holland America Line, con base en Seattle (EUA), un cruceiro con parada en Vigo.

A ollos da navieira, que leva tempo operando no país, a economía galega, e especialmente a viguesa, "aínda se basea na pesca e a agricultura", se ben loa un "prometedor" turismo que "modernizou a cociña" da cidade olívica, "sempre considerada un punto forte".

Grazas á afluencia anual de turistas procedentes de toda Europa, asegura a compañía, "os monumentos históricos situados nas avenidas están acompañados dunha sorprendente cantidade de arte pública contemporánea". Aliás, afirma que "as cadeas internacionais apareceron xunto ás tendas tradicionais perto do porto".

A Galiza, indica Holland America Line na súa páxina web, é "unha rexión cun aire diferente do resto de España", cun "idioma propio —o galego—" e "un clima máis suave e húmido".

Neste punto, a navieira fai alusión á ditadura de Francisco Franco, salientando que "era galego" e que durante boa parte do século XX, en consecuencia, a Galiza "estaba illada pola súa actitude opositora".

Mais ese "illamento" do país ao que a compañía marítima alude non se limita só á oposición ao réxime franquista, senón que tamén estaba illada, asegura, "polas operacións de contrabando ao longo da costa".

Durante ese tempo, "retíñanse os fondos estatais destinados a estradas, desenvolvemento e industrialización", unha cuestión que, sempre segundo a diagnose desta navieira, "mantivo efectivamente a Galiza pobre e rústica".