Viticultores da Ribeira Sacra reclaman a Rueda solucións para o sector do viño

Protesta en Sober dos viticultores da Ribeira Sacra contra a Xunta da Galiza. (Foto: Paula Verao)

Protesta contra o Goberno galego reunido no Hotel Pazo de Sober.

Un cento de viticultores e viticultoras da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra protestan en Sober pola falta de apoio da Xunta da Galiza aso centos de produtores aos que as adegas non lles recolle a uva.

As portas do Hotel Pazo de Sober, no concello homónimo, na comarca de Lemos, onde o Goberno galego desenvolveu un retiro de traballo nesta fin de semana, están sendo escenario dunha mobilización de viticultores da Ribeira Sacra.

A protesta convocada polo Sindicato Labrego Galego- Comisións Labrega (SLG-CCLL) ten como obxectivo denunciar a ausencia de axudas por parte da Xunta da Galiza aos produtores de viño da Ribeira Sacra.

Sen axudas

O SLG-CCLL lembra que “estamos en plena vendima, sen medidas que resolvan nada e sen ter ningún tipo de información ao respecto da suposta "folla de ruta" para a Ribeira Sacra”.

A organización agraria denuncia que nas liñas de traballo definidas nesta fin de semana polo Goberno galego non “están incluídas as viticultoras e os viticultores da Ribeira Sacra”, malia a ser prometidas axudas hai semanas por responsábeis de Medio Rural.

O 14 de setembro, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asegurou que o Goberno galego destinaría 500.000 euros ás adegas para a xestión dos excedentes e avanzou a apertura dunha liña de crédito polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) “para que os adegueiros poidan acceder a préstamos de cara á recollida de uva.

SLG

A voceira do SLG-CCLL en Chantada, Ana Rodríguez, explica a Nós Diario desde o lugar da protesta que “non se esquezan o presidente da Xunta e a conselleira de Medio Rural que o problema segue aí”

“Aquí ninguén recibiu ningunha axuda”, continúa Rodríguez, quen afirma que a “axente esta vendimando para a casa e outra vendendo a uva ao prezo que lle dan, moi por baixo dos custos da produción”.

Rodríguez urxe “a convocatoria dunha reunión de traballo para o ano que vén, porque a xente dos anos non aguanta nesta situación”. A este respecto, lembra que a adega "Rectoral de Amandi, que recolle 30% da uva xa dixo que o ano que vén tampouco vai recoller uva”.

O problema para os viticultores da Ribeira Sacra derívase da negativa das adegas con máis produción a recoller a uva, argumentando a existencia dun importante stock e da falta de saída para os seus viños derivados da caída dos consumos.

600 afectados

As fontes consultadas por Nós Diario sinalan que ao redor de 600 produtores e produtoras descoñecen se lles recollerán a súa colleita. Neste sentido, os problemas de comercialización afectan practicamente a metade das persoas dedicadas profesionalmente a esta actividade, que segundo os censos procedentes do propio consello regulador suman 1.227 homes e mulleres.

A protesta contou co apoio de diversos colectivos da Ribeira Sacra críticos coa xestión educativa da Xunta da Galiza, como a ANPA do colexio de Sober e do colexio de Ribas de Sil.