Vítimas da violencia machista padecen atrasos nas axudas de aluguer de vivenda

Imaxe dunha mobilización contra a violencia machista (Foto: Europa Press).

Desde decembro hai vítimas de violencia machista que non poden incorporarse ao programa de aluguer social de vivendas dirixido a mulleres nesta situación. Hai vítimas que si están no programa mais, a pesar de estar en prazo para pedir unha prórroga, sofren atrasos nas axudas. A denuncia nun Centro da Muller chega ao Parlamento.

As vítimas de violencia machista na Galiza poden acollerse a dous tipos de axudas para vivenda. Son dous tipos distintos de bono de aluguer e que se rexen por normativas distintas 

Un deles diríxese a aquelas mulleres que estiveron dous meses como mínimo nun centro de acollida e que racharan a relación dentro dos 12 meses anteriores á solicitude desta axuda.

Aquí, 75% do custo do aluguer págase directamente ao propietario da vivenda e 25% vai a través dunha axuda directa á beneficiaria, para que a pague ao alugador.

Este programa é o que ten menor número de beneficiarias pois só afecta a aquelas que estiveron institucionalizadas nun centro de acollida, que é unha pequena porcentaxe entre as mulleres que sofren violencia machista.

Fondos do Pacto do Estado

As outras axudas para o aluguer de vivendas para vítimas de violencia machista son con financiamento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Fondos finalistas para esta fin, que non poden adicarse a ningunha outra finalidade e que a Xunta recibe do Goberno estatal.

Son subvencións e axudas do Programa de aluguer social das que aínda non se convocaron as correspondentes a 2022, unha situación que está a xerar "problemas" e "prexuízos" a beneficiarias das mesmas, segundo unha denuncia desde un Centro de Información á Muller  (CIM) do interior galego e que se plasma nunha pregunta parlamentar do BNG á que tivo acceso Nós Diario e que chega á sesión plenaria da vindeira semana na Cámara do Hórreo.

"Malestar de beneficiarias e propietarios"

A falta de actualización desta normativa leva a que, segundo se recolle na pregunta oral ao Goberno galego, desde principios de decembro de 2021 non se poidan incorporar a este programa novas vítimas, ficando sen a posibilidade de ser beneficiarias desas axudas para alugar unha vivenda.

A isto engádese a situación que atravesan aquelas vítimas da violencia machista que si que estaban dentro desta liña de axudas e que estaban en prazo para pedir unha prórroga nas mesmas durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo deste ano, 2022. 

Segundo a información deste CIM, esas peticións están sen resolver e están sen pagar esas mensualidades aos propietarios das vivendas. 

Ameazas de desafiuzamento

"Esta situación está a xerar moito malestar nas propias beneficiarias e nos propios propietarios, que mesmo ameazan con iniciar expedientes de desafiuzamento", asevérase desde o sinalado centro. 

Por último, critican que tampouco se estea a prorrogar  as axudas directas a beneficiarias que renovaron no último trimestre do ano pasado, ese 25% que recibían en axudas directas para pagar elas esa parte do aluguer e completar así 75% da mensualidade e que se paga directamente ao propietario do inmóbel.

"Isto é un desastre. A onde vou ir eu", pregúntase unha afectada

"Levo tres meses sen recibir a axuda para pagar o alugueiro", denuncia a Nós Diario A.A, iniciais dunha veciña da comarca de Compostela, recoñecida como vítima da violencia machista e beneficiaria do bono. Unha axuda que recibía desde hai dous anos e que se lle fai "imprescindíbel" malia que "pouco dá, pois con eses cartos as vivendas ás que podes acceder non son moita cousa". "Onde vou ir eu?", pregúntase preocupada perante a perspectiva de que este problema non se solucione en breve. Apunta que a parte que o ex marido ten a obriga de lle ingresar "moitas veces nin a ingresa" e lamenta que na Administración "ninguén me informe se vou seguir co bono ou non".