Vítimas do accidente de Angrois solicitan unha reunión coa ministra de Fomento

Accidente de Angrois [Imaxe O.RODIL]

Através dunha carta queren que "explique persoalmente por que mentiu ás vítimas e os seus familiares". Aliás, denuncian as presións desenvolvidas polo goberno español para evitar que as conclusións do informe fosen publicadas. 

Plataforma Víctimas Alvia 04155 remitiron unha carta á ministra de Fomento, Ana Pastor, para lle solicitar unha reunión após a publicación do Informe elaborado pola Axencia de Seguridade Ferroviaria europea. 

Na misiva aseguran que o seu obxectivo é que "explique persoalmente por que mentiu ás vítimas e os seus familiares" após ter asegurado en comparecencia parlamentar o 9 de agosto de 2013 que o executivo viña de abrir unha comisión de investigación alén do proceso xudicial iniciado, a CIAF, un órgao "de total independencia". 

Queren saber se "o motivo" das "mentiras" de Ana Pastor foi "tapar as múltiples vergoñas do seu goberno e do anterior"

Ao abeiro do informe presentado pola axencia europea desde a Plataforma Víctimas Alvia 04155 aseguran que "entre outros moitos aspectos de grande trascendencia, invalídanse as conclusións da CIAF por non ser un órgao independente tal e como exixe a directiva 49/2004". Neste senso, apuntan, queren saber se "o motivo das súas mentiras foi tapar as múltiples vergoñas do seu goberno e do anterior" ou se, pola contra, "non se enteraba do que acontecía ao seu arredor". Neste senso, denuncian as presións acometidas polo executivo de Mariano Rajoy para impedir que se fixesen públicas as conclusións do informe europeo. 

De facto, a axencia sinalou ás vítimas e familiares xunto coa portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, que o resultado da investigación desenvolvida deixa a porta aberta a un posíbel proceso sancionador contra o Estado español polo incumprimento das súas obrigas legais ao non garantir a independencia da investigación ao tempo que insta á reabertura da CIAF, iso si, cunha outra composición que permita coñecer o acontecido, algo que exixiron xa desde o Bloque Nacionalista Galego xunto coa demisión da propia Ana Pastor.