Carlos Fernández Coto

"Galiza carece dunha estratexia clara en vivenda e territorio"

Imaxe: Carlos Coto. Parladoiro.

Esta sexta feira comeza en Rianxo o IV Foro de Rehabilitación, cita na que estarán presentes algún dos principais referentes da restauración patrimonial e arquitectónica. Falamos con Carlos Coto, arquitecto e presidente da Asociación galega para a defensa do patrimonio cultural galego. “Unha vivenda ten alma, historia, memoria, que hai que respectar ao restaurala”

O Foro de Rehabilitación de Rianxo chega á súa cuarta edición, que decorrerá entre o 5 e o 7 de maio. Máis de 100 persoas inscribíronse para participar nunha cita na que estarán algúns dos principais referentes da restauración arquitectónica e do patrimonio no noso país. Conversamos con Carlos Henrique Fernández Coto, arquitecto e presidente da  Asociación galega para a defensa do patrimonio cultural galego e un dos impulsores do Foro.

- O Foro de Rehabilitación chega á súa cuarta edición. Novos retos e obxectivos?

- O obxectivo é consolidar o que é o único foro estábel que hai en Galiza sobre rehabilitación, unha iniciativa que ademais está organizada por un concello pequeno, como Rianxo, o que ten aínda máis mérito. Así pois o obxectivo é ese, consolidar este encontro ao tempo que traballar para que se conciencia cada vez máis tanto o sector como a cidadanía de que após unha burbulla inmobiliaria salvaxe como a que sufrimos temos moitas vivendas abandonadas e que iso é unha oportunidade para rehabilitar e restaurar, antes que construír outras.

- Cada vez máis voces indican que ese é o camiño a percorrer, o de apostar en rehabilitar o que hai e non en construír máis

- Sen dúbida ese é o camiño. E por dúas cuestións, por imperativo da Unión Europea e por lóxica. Cando ti restauras un edificio ou unha vivenda estás deixando de construír unha nova, co que estás a deixar de consumir territorio. Non temos por que seguir a consumir territorio cando a poboación non medra. Hai uns días nas redes sociais poñía o exemplo de cando comezaron a operar os estaleiros en Ferrol, que provocou a chegada de miles de persoas para traballar, persoas ás que había que dar vivenda, que non existía, habíaa que construír. Mais eses casos xa non se dan. En Galiza non hai ningunha cidade nin vila que precise de súpeto novas vivendas. Estamos en regresión demográfica, non hai motivos para continuar a ampliar o parque de vivendas, consumindo territorio, destruíndo paisaxe.

- Nestes días volvía aparecer na prensa noticias relativas a habitantes doutras partes do estado que compraban vivendas e pisos en zonas de Galiza como A Mariña, onde se construíron miles de pisos, abraiándose esas compradoras do baratas que eran, falando de ‘gangas’...

Iso é indicativo de que nos falta unha estratexia. Galiza ten que ter unha estratexia clara en materia de vivenda, ten que ter unha planificación clara a nivel de toda Galiza e ter claro o que temos que facer. Non precisamos construír centos de vivendas para vendelas a prezo de ganga.

- Supéranse as 100 persoas inscritas no Foro, indica isto que o interse por este tipo de cuestións vai en aumento?

- Cada vez hai máis interese e curiosidade pola rehabilitación. O que procuramos é que non só se inscriban arquitectos e estudantes de arquitectura mais tamén xente que non é deste sector. Por exemplo, xente que se move no turismo, avogados e, cousa que me alegra, ver que tamén se inscribiron varios construtores. A verdade é que eu faría un Foro especificamente para construtores (ri). Debemos ter clara unha cousa, que é que gran parte do que a xente entende por rehabilitación estase facendo mal. Estamos rehabilitando as casas e os edificios con criterios de obra nova. Unha casa ten unha alma, unha historia, unha casa ten unha memoria. Antes de restaurala temos que entender o que hai dentro, respectala, entender a súa estrutura. O que se fai moitas veces é botar placas e a iso chámase rehabilitar.

- Hai unha idea estendida entre moita xente que rehabilitar ou restaurar unha casa vella implica múltiples problemas, impedimentos...

Hai varios mitos que temos que desmontar. Un deles é que cando nunha desas actuacións atopamos patrimonio estamos perante un problema. O patrimonio é unha oportunidade. Atopar algo así nunha casa é unha oportunidade de coñecer o pasado, a memoria dese sitio. Certo é que hai que axilizar todo o que é a tramitación, impedindo que se demore tanto.

Outro mito é o da madeira, que dá problemas porque ´da moito traballo e non é para toda a vida. E que non hai nada que sexa para toda a vida. Neste sentido, sería interesante falar con médicos pois a madeira é o material máis san que hai

- San?

- En Galiza temos un problema que é o radón. Unha casa de pedra, con carpinteiría hermética, desas que non deixan entrar nin frío nin calor, é un problema grande. A madeira transpira, a casa respira, e iso supón saúde para os que moran dentro. Galiza é un dos sitios onde máis radón hai, especialmente grave en concellos como Laxe e Dodro. Por iso é necesario que as casas estén aireadas.

- Evoluíu a sociedade galega nestes anos a respecto da súa relación co patrimonio e o territorio?

- Non se pode xeralizar. Hai unha parte da poboación que continúa instalada no descoñecemento e hai outra que está preocupada por estas cuestións. Neste caso, eu penso, que moitas veces esa actitude positiva procede de viaxar e ver como noutros lugares teñen un respecto e unha actitude cara o seu patrimonio que non hai aquí. Se vas a sitios como, por exemplo, Bretaña, Holanda, Italia, mesmo Portugal...e ves como coidan o patrimonio, pois á volta daste conta que en Galiza temos un problema e que nos temos que poñer as pilas.

- O coñecido como ‘feismo’. Ten cura?

- O que ten é posibilidade de que non se continúe a facer. Hai moitos tipos de maltrato da paisaxe. Unha casa sen rematar ten solución, acabándoa. Mais animaladas que se fixeron por Galiza adiante non teñen solución. O importante é incidir na educación dos rapaces e da cidadanía en xeral para tomar conciencia de que por se camiño ficamos sen país.

 -Hai pouco falabas en Mugardos do patrimonio como identidade e posibilidade de futuro

- Cada pobo ten un patrimonio de seu que o identifica. Eu dicía en Mugardos que Andalucía ten un patrimonio incríbel, tan bo ou tan malo como o noso, pero é o seu. E o noso é o noso. E nun mundo global iso que nos diferenza é o que temos que valorar, preservar, ter un orgullo propio. Debemos protexer e valorar o noso patrimonio non só por nós, os galegos, mais tamén por todo o mundo