As vivendas de uso turístico rachan na Galiza a barreira das 25.000

Caixa de seguridade para as chaves dun piso turístico. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
Entre agosto e setembro aumentaron en case 400. En localidades como Sanxenxo hai 343 prazas de pisos turísticos por quilómetro cadrado.

O número de vivendas de uso turístico (VUT) na Galiza aumenta ano tras ano e mes tras mes desde que os rexistros levan a contabilidade deste tipo de inmóbeis. O Instituto Nacional de Estatística (INE) apunta que o incremento das VUT na Galiza nestes dous últimos anos apenas tivo parangón. Se a media estatal no aumento de pisos turísticos de 2022 a 2024 foi de 23%, na Galiza situouse por riba de 40%. 

Agora,  segundo o Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Galiza (REAT) as VUT veñen de rachar a berreira das 25.000. En agosto de 2024 existían no territorio galego 29.080 aloxamentos turísticos, dos cales 24.852 son vivendas de uso turístico (VUT).  En setembro o número de pisos turísticos é de 25.232, case 400 máis que hai un mes. E 5.000 máis que hai un ano.

As Rías Baixas son o principal 'hábitat' das VUT, coa ría de Arousa á fronte. Nas comarcas bañadas polas augas arousás —O Barbanza e O Salnés—está unha de cada catro VUT que hai na Galiza. De feito, hai concellos onde o número de prazas de VUT case iguala o de habitantes. É o caso de Sanxenxo (O Salnés), onde hai 867 prazas de pisos turísticos por cada 1.000 habitantes (en xuño de 2023 eran 753 prazas). En Barreiros (A Mariña) por cada 1.000 veciños e veciñas hai 875 prazas de vivendas para turismo (eran 691 hai un ano) e en Carnota (comarca de Muros) teñen 514 prazas de VUT por cada 1.000 residentes no concello. 

Tendo en conta o número de prazas por quilómetro cadrado do concello, Sanxenxo é o que máis destaca, con 343 prazas por quilómetro cadrado, seguido do Grove (O Salnés), e A Coruña (comarca homónima) con 184 e 175 prazas por km2 respectivamente.

En outubro de 2019 había na Galiza 5.400 vivendas de uso turístico (VUT). Facíase daquela un ano da entrada en vigor do decreto que regulaba este tipo de vivendas no país e existía xa un debate sobre o impacto deste tipo de inmóbeis e sobre a necesidade dunha maior regulación.

O mercado residencial na Galiza tiña a principios do verán no circuíto de comercialización 2.250 vivendas en aluguer, segundo datos da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein). A cifra supón que en apenas un ano ‘caeron’ do mercado ao redor de mil vivendas para arrendamento.

Ao tempo, o número de persoas rexistradas á espera dunha vivenda de protección non para de aumentar. A 1 de setembro eran 11.971 as persoas anotadas no rexistro oficial da Xunta da Galiza como demandantes dunha vivenda en aluguer. Delas, 2.986 figuraban como demandantes dun inmóbel en arrendamento con opción a compra