Vivir ou morrer: a medicina decide

As autoridades sanitarias estabeleceron os criterios para ingresar, ou non, nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI). (Foto: Europa Press).
No Estado español xa está enriba da mesa un dos escenarios que se vén producindo nos países que xa padeceran a ferocidade da COVID-19 con anterioridade: ter que escoller que doentes entran na UCI e cales non, o que na práctica significa condenar a morte aos que queden fóra, segundo o revelado no novo Plan de Continxencia contra a doenza.

A Sociedade Española de Medicina Intensiva, Crítica e Unidades Coronarias (Semicyuc) vén de comunicar a finalización do Plan de Continxencia para os servizos de Medicina Intensiva fronte á pandemia do  Covid-19.

O devandito plan é froito da colaboración da Semicyuc e da Sociedade Española de Enfermería Intensiva e Unidades Coronarias (Seeiuc), en coordinación cos xefes de servizo das Unidades de Coidados Intensivos (UCI) de todo o Estado español. 

Trátase dun procedemento que, tal e como aseguran desde ambas organizacións, "dá resposta á problemática asistencial, á prevención da infección no persoal sanitario e á posibilidade de desenvolver liñas de investigación relacionadas coa atención aos casos graves".

Nel detállanse a acción conxunta e os protocolos recomendados para actuar ante calquera situación, diferenciando entre cinco fases de resposta á pandemia: "preparación, inicio, saturación, colapso e control da crise", para cada unha das cales se determinou un procedemento a seguir. 

Medidas de "optimización en caso de saturación"

Entre as medidas na fase de saturación, e para evitar chegar á de colapso, o Plan de Continxencia prevé a limitación do ingreso nas UCI e a limitación do tratamento de soporte vital.

"É necesario dar prioridade á atención dos casos potencialmente máis recuperábeis", sinala o documento, que apunta que "a dispoñibilidade insuficiente de camas de UCI pode dar lugar á concorrencia de mortes potencialmente evitábeis, que poden verse influídas por decisións de triaxe obrigatoria".

Así, o Plan de Continxencia revela que "en situación de saturación ou desbordamento, será necesario dar prioridade á atención dos casos potencialmente máis recuperábeis".

A COVID-19 mataría 87.055 persoas

Italia anunciou durante a xornada de onte que rexistrara 475 novos mortos en 24 horas, unha cifra récord no país transalpino, que acumula case 3.000 mortos -2.978, exactamente- a causa da COVID-19.

Para o Estado español, o Plan de Continxencia elaborado polas autoridades sanitarias traza un escenario no que se estiman en até 87.055 as persoas que poden perecer vítimas do coronavirus.

Segundo os cálculos das especialistas, atopámonos "na primeira ou segunda semana da pandemia", e esta estenderíase durante 12 semanas, das que a sétima sería a "pico", na que se producirían "41.675 admisións hospitalarias", cun máximo de "6.673 ingresos nun só día", ocupando o 74% do total dos recursos hospitalarios dispoñíbeis en todo o Estado, 67.412 camas.

Ademais, un total de 9.257 doentes necesitarían ingresar na Unidade de Coidados Intensivos e 5.45 ventilación asistida, o que representa unhas cifras de 257% da capacidade total das UCI e 165% de todas as existencias de ventiladores mecánicos do Estado.