“De volta a casa quero ser libre, non valente”

Imaxe dunha mobilización feminista en Compostela.

A Marcha Mundial das Mulleres pon en andamento unha campaña contra a educación do medo.

“De volta a casa quero ser libre, non valente” é o título da ampaña que vén de iniciar a Marcha Mundial das Mulleres. A maiores da difusión activa nas redes e da pegada de carteis nas rúas de Vigo, a organización ten prevista para a próxima quinta feira unha performance/acción na na rúa do Príncipe de Vigo ás 19:30 horas.

 

Esta campaña quere denunciar tamén o tratamento do asasinato de Diana Quer nos medios sensacionalistas. A cobertura deste caso baseouse na reitarada culpabilización á vítima e a súa familia. Focalizar a atención sobre a roupa que levaba ou as horas ás que estaba na rúa alimenta á cultura da violación e dá pé a que nenas e rapazas sexan educadas no medo.

 

Para a Marcha Mundial das Mulleres, a consideración deste crime como un caso de violencia machista é “fundamental” e “abre un camiño de xustiza negado todos estes anos”. A necesidade de rachar coas condutas que nutren esta lacra social é palpábel cando atendemos aos datos: no 2017 foron 48 as mulleres asasinadas como vítimas da violencia machista, ás que a MMM suma 50 non consideradas como tal de xeito oficial.

 

“A reivindicación é clara: que todas estas mulleres sexan consideradas como vítimas da violencia machista a todos os efectos e sen ambigüedades”, explican no seu manifesto. É esencial concentrar a atención sobre todas as violencias previas que sofren as mulleres antes dun asasinato e asumir que este é o fin último de todas as agresións que sufrimos e interiorizamos na nosa vida diaria.