Suplemento do Sermos

Volve o Caderno de Verán con novos contidos

Coa chegada do calor regresa o Caderno de Verán de Sermos e faino con novos contidos e colaboracións, como a de fotografía, asinada por Xurxo Lobato; a de relato por entregas, de Miguel Mato; a de poesía, de Rosalía Fernández, ou a de rutas, do Colectivo XEA. Oito páxinas nas que tamén che facemos propostas refrescantes. Disponíbel co Sermos na nosa loxa.

O número 204 de Sermos Galiza, o primeiro que sae no mes de xullo, chega aos quiosques cunha novidade: o Caderno de Verán, oito páxinas de contidos frescos con suxestións acaídas para as vacacións.

Cada semana, e até o primeiro número do mes de setembro, o Caderno de Verán abrirá cunha información a dupla páxina sobre temáticas vinculadas con esta época do ano. Nesta ocasión, dedicámolas á literatura erótica. Aliás, o suplemento incluirá propostas para non perder as actividades destacadas da semana.

Como nos últimos anos, a creación literaria é un dos puntos fortes deste caderno. Este verán escriben en exclusiva para Sermos Miguel Mato –relato por entregas- e máis Rosalía Fernández –poesía-.

Na sección “Es de montaña ou de praia?” suxerimos coñecer localizacións acaídas para as vacacións da man do Colectivo XEA, que comeza cunha andaina pola Serra do Laboreiro.

Tamén propomos estabelecementos hostaleiros –visitamos un dos locais de praia máis recoñecidos de Galiza, o Sinás, en Raxó (Poio)- e bebidas refrescantes para que non falte de nada este verán –eliximos a cervexa Toupiña para abrir esta microsección-.

A contracapa do caderno dedicámola á sección de Xurxo Lobato, que publicará cada semana unha fotografía destacada. “En nove entregas, irei ensinando fotos miñas que axuden a gozar da creación e do verán”, explica. Nesta ocasión, o recoñecido fotógrafo homenaxea as persoas amantes do mar que recuperan as embarcacións tradicionais galegas e que defenden o patrimonio e a cultura marítimas.

O Caderno de Verán fai parte do Sermos Galiza, cuxo número 203 xa está nos pontos de venda habituais e tamén na nosa loxa.