Volve o 'Maio Solidario' de Gadis

Hipermercado de Ribeira (Gadis).
A campaña 'Maio Solidario' de Gadis volve esta quinta feira, 2 de maio, e estenderase até o 1 de xuño.

A campaña 'Maio Solidario' de Gadis volve esta quinta feira, 2 de maio, e estenderase até o 1 de xuño ao longo de 201 supermercados situados na Galiza e en Castela e León.

As usuarias interesadas poderán achegar ou ben alimentos non perecedoiros ou ben unha doazón económica no momento de pagar a súa compra.

En total, serán 11 os bancos de alimentos que xestionarán a repartición tanto dos produtos doados como da recadación. O obxectivo será chegar a máis de 800 asociacións e máis de 100.000 destinatarias finais.

En concreto, participarán os bancos de alimentos da Coruña, Ferrol, Compostela, Lugo, Ourense, Vigo, Ávila, León, Palencia, Ponferrada, Salamanca, Valladolid e Zamora.

Alimentos máis demandados

Entre os alimentos máis demandados están os legumes, o leite, o arroz, o aceite, as conservas e os cereais. Cada 'Maio Solidario' de Gadis suma ao redor de 1,5 millóns de quilos de produtos e case 200.000 euros de doazón, segundo datos da empresa.

Gadis agradece de antemán "a xenerosidade que sempre mostran as súas clientes" coas campañas solidarias, así como a entrega por parte do equipo humano e as voluntarias.