Volve a polémica pola presenza de animais domésticos en zonas protexidas

A Policía Local do Grove tivo que intervir para que unha persoa retirara o seu can da praia da Lanzada (Foto: SEO BirdLife).
Novas denuncias na Lanzada (O Salnés) por cans perseguindo píllaras.

Coa chegada do verán e o aumento da presenza humana nos espazos naturais protexidos galegos, algunhas especies animais corren perigo ao verse ameazado o seu hábitat. Entre as que cada ano padecen esta situación está a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), unha ave que aínda se localiza en praias como a da Lanzada, no Salnés, Baldaio (Carballo, na comarca de Bergantiños) ou Xuño (Porto do Son, na comarca de Noia). 

A convivencia na tempada alta do turismo non é doada. Malia os traballos de protección e conservación que levan a cabo equipos como o Grupo Píllara da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no que participan especialistas e entidades ecoloxistas, cada ano teñen lugar incidentes.

SEO BirdLife, unha das organizacións que o integran, denunciaba a finais de xullo nas redes sociais que varias persoas accedían ao lugar onde se atopaban as píllaras cos seus cans. 

O membro desta entidade que foi testemuña desta situación, Gustavo Ferreiro, explica a Nós Diario que primeiro foi un individuo que entrou coa súa mascota desde o aparcadoiro de autocaravanas e que saíu da zona tras as advertencias. Despois, outro máis agravou a xornada “polo que rematamos por chamar á Policía Local do Grove”. Ese día unha das píllaras de 24 días de idade quedou ferida, “e non hai moitas”, engade este ecoloxista.

Neste sentido, os datos do Grupo Píllara indican un total de 84 parellas en toda a Galiza en 2020. Porén, este ecoloxista pon en valor o traballo dos últimos anos na protección dos niños, como é a eliminación da limpeza de praias con tractores. O problema continúa, entende, “pola actuación dalgunhas persoas e a falta de persoal de vixilancia por parte da Xunta da Galiza”.

Para Adega, segundo explica Ramsés Pérez a Nós Diario, "é fundamental a presenza de axentes de conservación da natureza". Por este motivo pide medidas urxentes á Xunta.

Opinións encontradas

Nas redes sociais, ademais dalgunhas reaccións que apoiaban a protección desta especie, outras defendían o libre acceso ás praias por parte dos animais domésticos. "Penso que os cans tamén teñen dereito de ir á praia, iso si, os donos teñen que ter conta deles, non deberían ir soltos polas molestias á fauna", consideraban nun dos comentarios. Outro argumentaba que non "ten máis dereito un animal sobre outro para poder usar un ben de todos como é a praia".

Ferreiro non entende a polémica “cando ao carón hai unha praia canina que habilitou o concello do Grove para ter unha alternativa, non hai desculpas para non respectar a zona”. 

As aves de paso

O problema coas píllaras é o máis evidente, mais para Ferreiro existe outro “tamén grave” como é o das aves migratorias que proceden doutros países de Europa. “Camiño do continente africano, moitas especies paran para descansar e recuperar forzas coa intención de seguir ruta e a presenza de cans e outras mascotas impide que fagan ese repouso”, sinala este ecoloxista. Esta circunstancia provoca unha mortalidade silenciosa por non ter constancia dos animais que finalmente chegan ao seu destino", engade Ferreiro.