O especial para celebrar o V Aniversario de Sermos Galiza xa está nos quiosques

Detalle da capa do Sermos250

Sermos Galiza celebra o seu V aniversario e a publicación do número 250 do semanario co lanzamento dun especial de 64 páxinas carregado de entrevistas e análises sobre as temáticas fundamentais de Galiza. Máis de 30 voces para compoñer un retrato plural do país. Este Sermos250 vén, portanto, con 104 páxinas (as 64 do especial e as 40 de todos os números). Xa o tes disponíbel on line na nosa loxa e esta quinta feira, nos quiosques e pontos de venda habituais. 

O 8 de xuño de 2012, o semanario Sermos Galiza saía á rúa por vez primeira. Unha data que conmemoramos cinco anos despois, e coincidindo co lanzamento do número 250, cun especial que acompaña o semanario que esta quinta feira, 15 de xuño, chega a quiosques e demais pontos de venda. Son 64 páxinas que recollen 15 entrevistas e 15 pezas analíticas que representan unha radiografía da situación do país e da súa evolución nos últimos cinco anos. E faino da man de 31 persoas representativas de todos os ámbitos.

 

Lingua, ecoloxismo, sanidade, feminismo, deporte, pensamento político, América Latina, lusofonía, banca, innovación, empresa, traballo, patrimonio, literatura, teatro, historia, música... fan parte do amplo abano de temáticas deste especial, de carácter plural e que apoian numerosos anunciantes, que se converterá nun instrumento imprescindíbel para coñecer Galiza e para ollar o mundo desde o país.

“O especial quere ser unha peza de colección que teña vida alén dos cinco anos de Sermos”, afirma María Obelleiro, directora do semanario. “Concibímolo como unha peza plural que sirva de ferramenta para entender e coñecer máis que aconteceu nos últimos cinco anos e que está a acontecer na Galiza”.

 

#Sermos250

 

O especial vai co número 250 do semanario, qe xa tes na nosa loxa. Un número no que debullamos o Banco de Terras, unha ferramenta que fai dez anos e que o actual goberno galego mantén paralizada. Entrevistamos Miguel de Lira, (“Canta á túa aldea e serás universal, eu sempre crin nese rollo”) e informamos sobre a moción de censura impulsada por Podemos.

 

“O Partido Popular non é un partido, é unha mafia”, afirma Manuel Monge, nunha reportaxe na que explica que a a formación conservadora utiliza o aparato xudicial do Estado para blindar Rajoy e evitar que teña que asumir as súas responsabilidades.

 

Máis un número, o debate, Nesta volta, o deputado do PSdeG Abel Losada e o econimista Adrán Dios debaten sobre modelo enerxético e tarifa eléctrica galega. En Análise, debruzámonos sobre os fluxos económicos. Na sección de Internacional debullamos o escenario post-electoral en Reino Unido, e achegámonos á revolta que se está a vivir no Rif.

 

Falamos con Irene Pin, que canda Begoña Fernández rodou en Grecia un documental (Morrer Devagar) sobre os refuxiados. O historiador Eliseo Fernández recupera para Sermos Galiza o asasinato de mulleres ferrolás após o golpe de Estado. Denuncia que a represión contra elas “non foi o asasinato en quente por participar na resistencia, agachar fuxidos ou colaborar con actividades clandestinas. Foi un asasinato frío e deliberado”. Imos até Carballo, todo un museo ao ar libre, unha vila que se sitúa como capital da arte urbana no noso país.

 

E non faltan as achegas e colaboracións. Xoán Costa, Luz Darriba, Mercedes Queixas, Nachortas e Tokio, Mario Regueira, Andrés Castro, Pepe Barro, Olaia Ledo, M. Pazos.