VÍDEO | Xácome disfrázase de Hannibal Lecter e é 'detido' no escenario da Praza Maior de Ourense

Gonzalo Pérez Xácome disfrazado de Hannibal Lecter (Foto: Nós Diario)
Sobre unha carreta de carga, cun chaleco de forza e unha boceira irrompeu no escenario da Praza Maior, custodiado por un séquito de persoas disfrazadas de seguridade de elite que o conduciron, inmobilizado de pés e mans, até o micrófono onde realizou o seu breve discurso.

O alcalde de Ourense volveu disfrazarse para inaugurar as festas de entroido na cidade e este ano fíxoo baixo a vestimenta de Hannibal Lecter. Así, foi ‘detido’ mentres proclamou que "será o mellor Entroido".

Gonzalo Pérez Xácome transformouse nun dos psicópatas máis famosos da gran pantalla aproveitando o pregón da noite do ‘Xoves de Comadres’, que deu inicio ao Entroido ourensán.

Sobre unha carreta de carga, cun chaleco de forza e unha boceira irrompeu no escenario da Praza Maior, custodiado por un séquito de persoas disfrazadas de seguridade de elite que o conduciron, inmobilizado de pés e mans, até o micrófono onde realizou o seu breve discurso.

Ante unha praza repleta de mocidade, Xácome foi breve: "Nunca pensei verme nesta situación e con todo xamais perdín a esperanza. Volvinme tolo ou este vai ser o mellor Entroido de sempre?", dixo perante un público que reaccionou con aclamacións e aplausos.

"Gustaríame dicir moitas máis cousas, pero esta noite dinme que me teñen que levar e non o podo impedir. Feliz Entroido", concluíu, antes de ser retirado do escenario polos mesmos "policías" na carreta.

Non é a primeira vez

Non é a primeira vez que o alcalde se disfraza para inaugurar estas festas. Xa o ano pasado saíu do Consistorio vestido de superheroe, en concreto de Superman. "Hai que ser un superheroe para lidar cos funcionarios do Concello", chanceaba naquel entón.

Este mesmo ano, antes de subirse ao escenario da Praza Maior co atendo de Hannibal Lecter, o rexedor xa subira un vídeo ás súas redes sociais caracterizado de home do tempo para debullar a programación do Entroido.

Dese modo, anunciaba "unha fronte carnavalesca" na cidade de Ourense, con comezo esta pasada madrugada, que terá "estabilidade carnavalesca" coas celebracións para os máis pequenos e "intervalos de charangas constantemente".