Caderno 'Máis'

Atopa "xente de aquí e de acolá" e gaña unha fin de semana de turismo rural con 'Nós Diario'

Casa de Turismo Rural Lourán de Monfero, comarca do Eume.
O entretemento ten premio este verán con Nós Diario e os pasatempos do caderno Máis. Participa!

Co mes de xullo chega aos quiosques o caderno MáisFestivais, festas populares, patrimonio, paisaxes, relatos e pasatempos. Desde este primeiro de mes até o 2 de setembro, cada día o xornal Nós Diario incluirá entre as súas páxinas este suplemento con contidos enfocados ao lecer.

Entre as recomendacións do Máis non faltarán a información meteorolóxica, praias e roteiros polos mellores lugares naturais para escapar do tedio diario.

Mais para unha escapada real e de balde, non deixes de reparar nas propostas de Xoán Costa e Xerardo R. Roca nas páxinas 6 e 7 do caderno. Os pasatempos chegan cun formato diferente e con probas de nova creación para adestrar o cerebro e mergullarnos no mundo da lóxica.

Xente de aquí e de acolá

Veñen mesmo con premio! Só tes que resolver con acerto o "Xente de aquí e de acolá" e participar no sorteo dunha fin de semana nunha casa de turismo rural para dúas persoas.

É moi doado: só tes que facerte co Nós Diario e reparar no enredo que che propón Xoán Costa na páxina 7 do Máis. Telo?

Agora encontra na grella as palabras que van en negro tendo en conta que cada letra só pode ser usada nunha delas e que as palabras poden estar nunha única liña ou nunha liña quebrada en ángulo recto.

Cando as teñas todas quedarán unhas letras sen asignar. Ordénaas de esquerda para a dereita e de arriba para abaixo darán a palabra oculta: un xentilicio de xente de aquí e de acolá que pode valer unha fin de semana de turismo rural.

Bases do sorteo

Poderán participar no sorteo todas as persoas maiores de idade que o desexaren.

  • No sorteo participarán todas as repostas correctas ao pasatempo "Xente de aquí e acolá" publicados no Nós Diario entre o 1 de xullo e o 1 de setembro de 2023.
  • Para participar no sorteo fai unha fotografía á grella con todas as palabras marcadas. Escribe a palabra oculta, que é a resposta. Envíaa, cos teus datos de contacto (nome e apelidos así como teléfono de contacto) a entreter@nosdiario.gal
  • A cada correo electrónico asignaráselle un número. Só será válido un correo por día e persoa. Si se pode mandar un correo coa solución de cada un dos 46 días nos que sairá o pasatempo "Xente de aquí e acolá".
  • Participarán no sorteo todas as persoas –coa resposta correcta e con todos os datos de contacto– recibidos entre o 1 de xullo e o 3 de setembro de 2023.
  • O sorteo público realizarase na redacción de Nós Diario a terza feira 5 de setembro ás 12 do mediodía. Poderán asistir presencialmente os e as participantes do mesmo que o desexen. O resultado do sorteo farase público –indicando nome e apelidos– no xornal da cuarta feira 6 de setembro e ese mesmo día no dixital www.nosdiario.gal
  • O premio é unha fin de semana para dúas persoas, en réxime de aloxamento (noites da sexta e sábado) e almorzo (sábado e domingo) na Casa de Turismo Rural Lourán de Monfero (comarca do Eume), no outono de 2023, con data a convir entre a persoa gañadora e o centro hostaleiro.
  • De acordo coa Lei 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos dos e das participantes no sorteo serán tratados de modo confidencial co fin de garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, a súa honra e intimidade persoal.
  • O feito de concorrer ao sorteo implica a aceptación das súas bases.