Xornada de aumento de contaxios e da presión hospitalaria

(Foto: Europa Press)

O número de casos activos mantense por baixo dos 6.000 cunha taxa de positividade do 6,7%

O número de persoas hospitalizadas na Galiza con Covid-19 experimentou unha leve repunta até se situar en 375, tres máis que 24 horas antes, período no que se detectaron 329 casos positivos, case un cento máis que na xornada anterior e cunha taxa de positividade nas probas PCR do 6,7%.

Así figura na actualización das cifras da pandemia da Consellería de Sanidade con datos recoller até as 18:00 horas da terza feira. Nese momento había 375 hospitalizados, 51 deles en UCI (un máis) e os 324 restantes en unidades convencionais.

De novo, a área sanitaria de Vigo foi a que máis contaxios novos rexistrou, un total de 75, 21 máis que o día anterior. Baixan en Santiago até o 50 -catro menos-, mentres soben no resto: A Coruña, 45 -19 máis-; Pontevedra, 43 -dous máis-; Ferrol, 51 -35-; Lugo, 31 -15 máis-; e en Ourense, 34 -14 máis-.

O número de PCR realizadas en 24 aumentaron en 1.041 até un total de 6.659

No que respecta aos casos activos en toda Galiza -é dicir, a cifra de persoas diagnosticadas da enfermidade-, mantense a súa tendencia á baixa e hoxe conta con 5.927 pacientes, 69 menos que 24 horas antes.

Deste modo, rexístranse descensos en todas as áreas agás en Ferrol, na que aumentan até os 596 -44 máis-, e en Ourense, onde non hai cambios (377).

A cifra de mortos que deixa até agora a pandemia na Galiza continúa en aumento e ascende xa a 1.281 falecidos após a confirmación das autoridades sanitarias de 8 novas vítimas, catro delas relacionadas con xeriátricos.