A nova normativa de medios da UE, "positiva pero insuficiente" para o xornalismo galego: en que consiste?

Xornais en papel nun mostrador dun quiosque. (Foto: Arxina)

O debate sobre as falsas noticias derivou nunha nova norma da UE e Pedro Sánchez anunciou un regulamento seguindo o texto comunitario. A Asociación de Medios en Galego, o Colexio de Xornalistas, a Xunta da Galiza e profesionais explican a 'Nós Diario' a súa posíbel aplicación na Galiza. O Colexio Profesional de Xornalistas reivindica a regulación das axudas que reciben os medios de comunicación privados do país.

A Unión Europea aprobou o pasado mes de abril unha nova normativa de medios de comunicación, que entrará en vigor como Regulamento da UE o 27 de agosto de 2025. A Lei Europea de Liberdade de Medios e a súa normativa de aplicación pretende protexer no eido comunicativo "as redaccións dos medios de comunicación da influencia indebida do poder político, fomentar o pluralismo e a transparencia", facendo públicos e accesíbeis os datos dos propietarios dos medios de comunicación e o diñeiro público que reciben das institucións. 

Esta lei comunitaria contempla, entre as súas medidas, requisitos de transparencia sobre a propiedade dos medios de comunicación. Regula así a obrigatoriedade de facer accesíbeis á cidadanía os datos sobre as persoas ou grupos que posúen accións en medios de comunicación que son capaces de influír nas liñas editoriais”. Tamén obrigará a facer públicos os datos dos recursos económicos dos Estados membros que se destinen a medios de comunicación e pretende estabelecer garantías para reforzar a independencia dos medios públicos. Un Comité Europeo de Servizos de Medios de Comunicación Independentes protexerá “os xornalistas e as súas fontes”.

O debate está aberto a nivel europeo e o Estado español vén de sumarse con varios anuncios do presidente, Pedro Sánchez, dunha lei, primeiro, e agora un “plan de acción democrática” que presentará no mes de xullo “para acabar coa impunidade dalgúns pseudomedios financiados polos Gobernos de coalición do PP e Vox”. Anunciou Sánchez que este plan tratará de traspoñer a lei europea e suporá que “se saberá quen son os propietarios dos medios, o seu financiamento e unha medición obxectiva á hora de outorgar subvencións públicas”.

Neste escenario, representantes dos medios de comunicación na Galiza amosan a súa satisfacción porque “se abra o debate e se fale disto”, pero consideran que as propostas lexislativas tanto da UE como do Estado son “insuficientes”. Pola súa parte, a Secretaría Xeral de Medios da Xunta da Galiza respondeu a respecto desta cuestión a Nós Diario que “a Xunta está comprometida coa liberdade de prensa e nunca aprobaría unha lei para limitala nin cerceala”. Estas mesmas fontes do Goberno galego reducen o seu traballo no eido mediático a que “a Xunta está traballando nunha lei para reforzar a Corporación de Radio e Televisión da Galiza ante o escenario actual dos medios audiovisuais”.

A Asociación de Medios en Galego (Amega) valora “positivamente” as medidas que buscan fortalecer a transparencia e a rendición de contas no sector mediático, pero subliñan “a importancia de manter a independencia editorial e a liberdade de prensa como piares fundamentais dunha sociedade democrática”.

O Colexio de Xornalistas da Galiza critica que tanto a normativa europea como o anuncio do Estado “falen de cousas moi xenéricas, non concretan moito máis aló”. O xornalista Manuel Vilas, que ten analizado as subvencións, os convenios e a publicidade cos medios de comunicación, considera ambas as iniciativas “un paso adiante tímido, positivo pero tímido. A lei sería un paso adiante pero non vai solventar o problema”. 

Axudas públicas aos medios

A vicedecana do Colexio de Xornalistas da Galiza (CPXG), Sonia Vizoso, explica a Nós Diario que o CPXG considera fundamental a cuestión das axudas: “Levamos desde a nosa creación reivindicando unha regulación das axudas que reciben os medios de comunicación privados na Galiza”. Vizoso di que “a transparencia é fundamental” e considera que sería unha boa nova “que a cidadanía galega puidese saber canto financiamento público reciben os medios privados”.

Desde o Colexio de Xornalistas explican que “está ben que se cree unha lei que nos conte canto reciben os medios, porque efectivamente agora non hai transparencia”. De feito, afirman que “os medios de comunicación na Galiza reciben cartos dunha maneira moi pouco transparente, por diferentes vías que son moi difíciles de cuantificar”. Manuel Vilas identifica o problema na Galiza neste eido, “é que existen medios que viven totalmente do diñeiro público e que se dedican sistematicamente a saltarse as regras xornalísticas para favorecer a ideoloxía do Goberno que lles mete o diñeiro”. 

Para o presidente de Amega, Pablo García, “a publicación da información sobre as axudas públicas permitirá unha maior supervisión cidadá e asegurará que os fondos se utilicen para fortalecer o pluralismo e a calidade nos medios de comunicación”. Ademais, no caso dos medios en galego, explica que “ao facer pública a información sobre as axudas, garántese que todos os medios, incluídos aqueles que operan en linguas minorizadas, teñan acceso a un financiamento xusto e sen discriminación”.

Os propietarios dos medios

A nova normativa tamén quere pór negro sobre branco aos propietarios dos medios de comunicación. Sonia Vizoso di que o feito de “que haxa transparencia na propiedade dá tamén a seguridade de que non se van crear medios con intencións malévolas”. Aseguran desde o CPXG que “na Galiza o fenómeno de medios que se dedican a intoxicar, desinformar e crear bulos pensamos que é alleo pero non o é para nada, iso tamén se fai na Galiza”.

Por iso consideran que “coñecer a propiedade dos medios é un paso necesario para esa transparencia”. O xornalista Manuel Vilas sostén que esta medida é “un pasiño adiante”. Permitiría, explica, “que o campo de fútbol estivese plano e non inclinado cara a un lado, o que sucede na Galiza é que o campo sempre está inclinado para o mesmo lado”. 

Amega reclama máis apoio ás linguas minorizadas

Os movementos no taboleiro mediático a nivel europeo interprétanse na Galiza como o momento idóneo para corrixir problemas que o sector leva décadas arrastrando no país. A Asociación de Medios en Galego (Amega) considera que esta transparencia “pode promover unha maior diversidade no sector mediático, permitindo que diferentes voces e perspectivas teñan unha plataforma adecuada”.

Pablo García di que é importante “protexer a independencia editorial para evitar calquera forma de censura ou influencia indebida”. Pero tamén esta nova normativa, que obriga a facer pública a información sobre as axudas debería “garantir que todos os medios, incluídos aqueles que operan en linguas minorizadas, teñan acceso a un financiamento xusto e sen discriminación”. O Colexio de Xornalistas tamén pide o cumprimento do uso do galego nos medios de comunicación nesa nova transparencia nas subvencións públicas. 

Desde Amega piden programas específicos de apoio e formación para medios que operan en linguas minorizadas, “asegurando que poidan cumprir coas novas esixencias sen pór en risco a súa viabilidade”. Demandan estabelecer un mecanismo de diálogo constante con representantes de medios de comunicación para avaliar o impacto da normativa e realizar os axustes necesarios.