Xosé Alfredo Pereira, presidente da Orgaccmm: "Pretenden roubar o monte ás persoas comuneiras"

Xosé Alfredo Pereira, presidente da Orgaccmm. (Foto: Arxina)
A Organización galega de comunidades de montes (Orgaccmm) vén de anunciar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para mudar a lei que regula estas entidades. Falamos co seu presidente, Xosé Alfredo Pereira, sobre como se desenvolverá a campaña de divulgación desta proposta.

—Veñen de anunciar unha Iniciativa Lexislativa Popular para mudar a lexislación dos montes veciñais en man común (MVMC). Comezou o proceso?

Non comezou, xa que dependemos de que a Xunta Electoral galega aprobe os pregos de sinaturas. Contamos con arrancar a campaña na vindeira Asemblea Xeral da Orgaccmm, o 19 de febreiro en Guitiriz.

—Cales son os puntos que se pretenden introducir con esta ILP?

Os obxectivos fundamentais que queremos defender coa proposición desta lei son contrarios aos que marcou a Consellaría de Medio Rural para a aprobación da reforma do Plano forestal da Galiza. A reforma pretende eliminar o carácter xermánico da propiedade veciñal cambiando a condición de persoa comuneira e dotando de personalidade xurídica as comunidades. Preténdese roubar o monte á veciñanza comuneira e eliminar este tipo de propiedade singular que ten o pobo galego. Con base a iso, na ILP propoñemos reafirmar o carácter xermánico da titularidade veciñal; a mellora do funcionamento asembleario e democrático das comunidades; que todos os aproveitamentos dos MVMC, incluíndo o seu voo, sexan considerados potestade das comunidades sen estar a expensas de facerlle regalos a multinacionais; considerar que os MVMC, polas súas funcións e características, poidan ser un ben por si mesmo para a protección ambiental e cultural; así como camiñar cara ao logro dun monte veciñal multifuncional e sustentábel axustado ás demandas da veciñanza comuneira e da sociedade no seu conxunto.

—E cales serán os pasos para lograr as 10.000 sinaturas que se precisan para comezar o trámite parlamentario?

Xuntaremos sinaturas nos pregos na propia asemblea da Orgaccmm do día 19. A continuación, entregaremos pregos ás comunidades do país para que recollan sinaturas nas súas asembleas e faremos xuntanzas territoriais en toda Galiza. Tamén chamaremos á solidariedade e ao apoio daquelas outras entidades que xestionan e traballan o medio rural.

—Como foi o proceso de redacción da súa proposición de lei ao Parlamento da Galiza?

Foi froito do traballo de dous anos, nos que fixemos debates con comunidades por todo o territorio galego para discutir un borrador e que isto servise para posteriormente chegar a esta lei, que recolle o sentir do conxunto do monte veciñal galego. Polo tanto, entendemos que, cando menos, a Consellaría de Medio Rural deberíalle prestar certa atención a esta proposición.

—O Parlamento da Galiza vén de aprobar unha iniciativa para solicitar unha modificación da Lei de costas no que atinxe aos MVMC. Cal é a valoración fan ao respecto?

Foi unha iniciativa presentada polo grupo parlamentario do BNG despois de recoller unha postura da Orgaccmm que foi aprobada por unanimidade e na que se acordou que aqueles MVMC en zonas marítimo-terrestres, sen perder a súa condición, poidan existir cumprindo coas limitacións de uso que marca a delimitación destas zonas. O que pretende a Lei de costas é que os MVMC destas características desaparezan como tales e se convertan en propiedades públicas. O acordo é un avance importante pero non decisivo porque lamentabelmente a Galiza non ten competencias nesta materia. O único que puido conseguir a iniciativa parlamentaria foi que se acordase instar o Goberno estatal para que modifique a Lei de costas. Isto debe levarnos a unha reflexión: se a Galiza tivese as competencias, este grave problema estaría resolto.

Unha guía didáctica sobre o monte veciñal

A unidade didáctica que está a piques de saír da imprenta supón a primeira que explica o que é o monte veciñal, a súa xestión democrática, o seu funcionamento e a súa historia. Se ben é certo que na Galiza xa existían unidades didácticas referentes á xestión forestal e aos aspectos patrimoniais e ambientais do monte, non se formularan no sentido de explicar que son os montes veciñais en man común de modo específico. A acollida por parte das comunidades de montes e dos centros de ensino das parroquias está sendo moi boa. Desde a Orgaccmm esperan que os colexios a fagan súa, xa que dependerá do profesorado a súa consideración até que nun futuro se poida conseguir a inclusión dos montes veciñais nos currículos educativos de todos os niveis do ensino na Galiza. A guía tamén estará a disposición de calquera entidade que quixera facer emprego da mesma.