Xubiladas da Galiza piden ás candidaturas galegas solucións diplomáticas á guerra na Ucraína

Xubiladas e xubiladas o pasado 12 de xuño diante da Delegación do Goberno español na Galiza. (Foto: Nós Diario)

Lembran que a ministra Robles xa fala de participación de militares españois no conflito armado

O pasado 4 de xullo, o colectivo de Xubiladas e Xubilados galegas pola Paz enviou ás persoas responsábeis das candidaturas que optan a representar a Galiza após as vindeiras eleccións estatais do 23-X un escrito no que demandan a “implicación activa de candidatos e candidatas na busca dunha solución urxente e diplomática á guerra que enfronta a OTAN e a Federación Rusa na Ucraína”.

Ademais, piden ás formacións políticas que incorporen "aos seus programas e compromisos electorais a reclamación de medidas diplomáticas inmediatas que poñan termo a esta guerra e o fin das políticas belicistas das autoridades europeas", nun contexto no que, din, a ministra de Defensa do Estado español “xa fala de participación de militares españois no conflito armado”.

Xunto con esta solicitude, o colectivo de persoas xubiladas envía o manifesto dirixido no pasado mes de xuño a autoridades europeas, españolas e galegas en que lembran que "as consecuencias deste conflito están afectando gravemente o resto dos pobos de Europa e do mundo".

"A consideración desta guerra como unha cruzada contra Rusia está minando as liberdades públicas, penando a disidencia política e impondo o pensamento único”, reza o comunicado remitido ás autoridades.

Segundo esta misiva, “as sancións indiscriminadas e masivas a Rusia, lonxe de arruinaren Moscova e de acabaren coa guerra, conseguiron disparar na UE o custo dos servizos públicos, a factura enerxética e dos alimentos, favorecendo os grandes consorcios económicos e empobrecendo as familias”.

“As subvencións comunitarias non poderán manterse durante moito tempo e a implicación económico-militar da UE-OTAN na guerra xa está afectando gravemente o tecido empresarial galego e o comercio mundial, ameazando con levar moitas pequenas e medianas empresas á quebra, ademais de aumentar o perigo de confrontación directa cunha potencia nuclear como Rusia”, conclúen.