Xustiza

Xuíces e fiscais aceptan a suba de 450 euros mensuais proposta polo Ministerio para evitar a folga

O portavoz de Xuíces e Xuízas pola Democracia, Edmundo Rodríguez. (Foto: Gustavo Valiente / Europa Press)
Subscribiron o acordo con Xustiza seis das sete asociacións presentes na negociación.

Todas as asociacións de xuíces e xuízas e fiscais do Estado español, agás a Asociación Profesional da Maxistratura (APM) —a maioritaria dos xuíces—, chegaron a un acordo co Ministerio de Xustiza e o de Facenda para evitar a folga indefinida e aceptaron a oferta de 46,7 millóns de euros, que se traduce nuns 450 euros ao mes que se aplicarán a toda a carreira. A sinatura oficial do pacto será a próxima terza feira, ás 13 horas.

Edmundo Rodríguez, portavoz de Xuízas e Xuíces para a Democracia, foi o primeiro en informar á prensa que esta quinta feira de que se conseguira a fumata bianca. "Acabamos de rematar o texto que se vai asinar a vindeira terza feira. Chegamos a un acordo seis das sete asociacións xudiciais xunto co Goberno e os demais representantes", apuntou, á vez que salientou que a Mesa de Retribucións queda "aberta" para o futuro.

Após cinco reunións, seis das sete asociacións de xuíces e fiscais fecharon os últimos "flocos" da negociación e puxeron fin ao conflito e á convocatoria de folga que catro delas tiñan prevista para a próxima segunda feira, 22 de maio. A APM desmarcouse do pacto ao considerar "insuficiente" a proposta do Ministerio, mais non precisou se preve manter o paro.

"Eu estou en negociación aínda; os demais parece que non, que xa chegaron ao termo da negociación", dixo o portavoz da APM, Juan José Carbonero, en declaracións á prensa logo de que o resto de asociacións comunicasen a súa decisión de subscribir o acordo. Segundo precisou, "a día de hoxe o que hai sobre a mesa á asociación maioritaria non lle satisfai".

Preguntado sobre se a APM irá a folga ao desmarcarse do acordo da maioría, Carbonero asegurou que desde a súa asociación suspenderon "sen data" o paro. "Eu non descarto nada", matizou, para logo incidir en que "até que non chegue a terza feira, o momento da sinatura, hai tempo de achegar posicións".

Fontes próximas á negociación aseguraron á axencia Europa Press que desde Xustiza celebran o acordo que se alcanzou coas seis asociacións e aseguraron que lles gustaría que a sétima, a APM, sumase a súa sinatura ao texto. Preguntado por se o acordo será para todos ao non contar co apoio unánime, o portavoz de Xuíces pola Democracia explicou que o pacto se elevará ao Consello de Ministros como proposta da Mesa de Retribucións e será este o que decidirá se asume esa iniciativa que, segundo lembrou, afectaría toda a carreira xudicial e fiscal.

Desde a Unión Progresista de Fiscais, Inés Herreros celebrou o acordo, que "suporá melloras de carácter retributivo", e trasladou á opinión pública unha "mensaxe de tranquilidade" ao evitarse a folga indefinida de xuíces e fiscais. Pola súa parte, Cristina Dexeus, da Asociación de Fiscais (AF), asegurou que, malia que asinarán o acordo alcanzado co Ministerio, este "non é" o pacto que desexarían.