Vivenda

Xuíces reclaman unha regulación estatal para os pisos turísticos en defensa do dereito á vivenda

Caixa de seguridade para as chaves dun piso turístico. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
JJpD chama a evitar "que un negocio como o aluguer de vivendas turísticas xere a expulsión veciñal, problemas de convivencia e a modificación da socioloxía".

A asociación Xuízas e Xuíces para a Democracia (JJpD, polas siglas en español) reclamou este sábado un marco normativo integral que regule os apartamentos turísticos, combatendo así a especulación que acompaña o negocio da vivenda "desde hai anos" e facilitando á súa vez o dereito a unha vivenda digna, sostíbel e accesíbel para as maiorías sociais.

Nun comunicado, e precisamente tras anunciar o Concello de Barcelona que prevé eliminar todos os pisos turísticos en novembro de 2028, a asociación xudicial defendeu este marco normativo de ámbito estatal para que se aplique en todos os consistorios de forma semellante, a fin de evitar "que un negocio como o aluguer de vivendas turísticas xere a expulsión veciñal, problemas de convivencia e a modificación da socioloxía".

Segundo JJpD, a aparición de plataformas dedicadas ao aluguer turístico ofrece alternativas "máis económicas e vantaxosas" que os hoteis para viaxar e, ademais, axuda as e os propietarios a rendibilizar as súas propiedades. Con todo, denuncia que a proliferación das denominadas VUT xestionadas por diversas plataformas supuxo que o destino de vivendas para fins turísticos en todo o Estado español experimentase un grande incremento, e que represente xa "unha porcentaxe de 1,33% do total de vivendas".

Por iso, os maxistrados lamentan que o que xurdiu como unha forma de economía colaborativa tornase finalmente nunha das principais causas da suba do prezo da vivenda e na "expulsión da poboación local do centro das cidades, xeralmente persoas anciás", ademais da masificación e sobreexplotación turística.

Ordenanza de Compostela

Esta mesma sexta feira, o mesmo día que o Goberno socialista de Barcelona anunciaba a súa ofensiva contra as vivendas turísticas, o PSOE de Compostela adiantaba que non apoiará no pleno da vindeira segunda feira a regulación definitiva para as VUT promovida polo Executivo que lidera a nacionalista Goretti Sanmartín.

A alcaldesa fixo esta mañá un chamamento á "responsabilidade" para "non dar marcha atrás" na ordenanza das VUT, dado que a abstención dos seis edís do PSdeG impediría aprobala, pois o Goberno conta con oito votos —seis do BNG e dous de CA— e o PP, con once.