A xuíza imputa Gerard Piqué ao apreciar indicios de delito nas comisións de Arabia Saudita

O ex futbolista do FC Barcelona, Gerard Piqué (Foto: Álex Zea / Europa Press).
Así consta nunha providencia na que a maxistrada Delia Rodrigo tamén atribúe a condición de investigados á mercantil Gruconsa; ao avogado Tomás González Cueto; ao amigo de Rubiales Francisco Javier Martín Alcaide, 'Nene'; a muller de 'Nene', Purificación Rufino Domínguez, e o antigo responsábel dos servizos xurídicos da RFEF, Pedro González Segura.

A xuíz de Majadahonda (Madrid) que investiga as presuntas irregularidades cometidas na Real Federación Española de Fútbol (RFEF) durante a xestión de Luis Rubiales en relación co traslado da Supercopa do Estado español a Arabia Saudita imputou o ex futbolista e empresario Gerard Piqué ao apreciar indicios delituosos na comisión que se adxudicou con ese movemento.

Así consta nunha providencia na que a maxistrada Delia Rodrigo tamén atribúe a condición de investigados á mercantil Gruconsa; ao avogado Tomás González Cueto; ao amigo de Rubiales Francisco Javier Martín Alcaide, 'Nene'; a muller de 'Nene', Purificación Rufino Domínguez, e o antigo responsábel dos servizos xurídicos da RFEF, Pedro González Segura.

No marco da causa, a maxistrada xa interrogou o ex presidente da RFEF Luis Rubiales, o principal investigado na causa, pola súa xestión entre 2018 e 2023, co foco posto no traslado da Supercopa e no presunto desvío de fondos e irregularidades asociados a contratos.

Aquel día, Rubiales negou as irregularidades que lle atribúe a Fiscalía Anticorrupción no procedemento que se segue na súa contra por presuntos delitos de corrupción nos negocios e administración desleal, segundo confirmaron entón fontes xurídicas.

Tras tomarlle declaración, a titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 4 de Majadahonda acordou que Rubiales debe comparecer unha vez ao mes perante o xulgado e ten que pedir permiso para viaxar ao estranxeiro.

Outras declaracións

A declaración do ex presidente da Federación sumouse á doutros tres imputados: Pedro Rocha -que nun principio compareceu como testemuña-; Tomás González Cueto, ex asesor xurídico externo na RFEF na época de Rubiales, e Ángel González Segura, relacionado coa empresa que realizou obras no estadio da Cartuxa de Sevilla.