Xustiza

Piden 25 anos de prisión para o acusado de asasinar a súa parella no Birloque (A Coruña)

Sede do xulgado de Violencia sobre a Muller da Coruña. (Foto: Google)
Segundo o relato do feitos obxecto de acusación, a muller trasladou ao acusado a súa intención de romper a relación e pediulle que marchase da vivenda, mais el non o aceptou e atacouna de forma sorpresiva por detrás, asestándolle varias puñaladas.

O Xulgado de Violencia sobre a Muller da Coruña decretou a apertura de xuízo oral contra o home acusado de asasinar a súa parella, en setembro de 2021, no barrio coruñés do Birloque e que se enfronta a 25 anos de prisión. O xulgado acordou remitir as actuacións á Audiencia Provincial da Coruña, competente para axuizar estes feitos, e manter a medida de prisión provisional para o investigado. Tamén estabeleceu que o acusado debe prestar fianza de 104.000 euros para garantir a posíbel responsabilidade civil.

No seu auto, a xuíza desestimou as alegacións da defensa, que solicitou a práctica de proba consistente en informe médico psiquiátrico comprensivo non só da valoración da imputabilidade do acusado, senón tamén sobre as patoloxías que presentaba no momento do suceso, e expón que "existen múltiples indicios racionais de criminalidade".

Os feitos ocorreron na tarde-noite do 14 ao 15 de setembro de 2021, cando se produciu unha discusión na vivenda que compartían o acusado, de 48 anos de idade, e a vítima, de 52 anos. A liorta tivo a súa orixe no feito de que a muller trasladou ao acusado a súa intención de romper a relación e pediulle que marchase da vivenda.

Segundo o relato do feitos obxecto de acusación, o home "díxolle que se ía arrepentir desa decisión, que non aceptou, desprezando a vontade da muller de pór fin á relación, e decidiu acabar coa súa vida". Para iso, atacouna de forma sorpresiva por detrás, asestándolle varias puñaladas que, entre outras lesións, perforaron a aorta e causáronlle a morte de forma inmediata. A muller "non tivo posibilidade algunha de reacción ante o inopinado do ataque".

Após matala, o acusado apoderouse de certa cantidade de diñeiro, entre 300 e 400 euros, procedentes da recadación da panadaría onde traballaba a vítima, e que era propiedade do seu pai. O presunto asasino, que "non tiña alteradas as súas capacidades cognitivo-volitivas no momento da comisión dos feitos", fuxiu e foi detido ao día seguinte en Madrid.

A Fiscalía acúsao dun delito de asasinato co agravante de parentesco, e un delito leve de furto. Por estes feitos, pide para el 25 anos de prisión, orde de afastamento dos fillos da vítima —froito doutra relación— durante 30 anos, medida de liberdade vixiadamulta de 540 euros, alén de indemnizar o pai da muller e mais os fillos en cantidades que suman 80.000 euros.

A acusación particular tamén pide 25 anos de cárcere por un homicidio, e 6 anos por roubo con violencia. As indemnizacións reclamadas por esta parte ascenden a 120.000 euros.

Pola súa parte, a defensa pediu que se lle aplique a eximente de alteración psíquica ou, subsidiarimente, a mesma atenuante. En caso de ser condenado, pide que se apliquen as penas no seu grao máis baixo e que as indemnizacións a pagar sumen 25.000 euros.