Xuízo do Alvia

O xuízo do Alvia entra na súa fase final, ás portas do décimo aniversario da traxedia

Vista xeral da sala da Cidade da Cultura na que se está a xulgar o accidente do Alvia. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
A Fiscalía e a plataforma de vítimas piden catro anos de cárcere para cada un dos dous acusados, o maquinista e o ex director de seguridade de Adif. Pola súa parte, as defensas rexeitan responsabilidades e piden a libre absolución.

A acción civil do xuízo polo accidente do tren Alvia, do que en pouco máis dun mes se fan 10 anos, terminou esta cuarta feira, de modo que o proceso encara a súa fase final a partir da próxima terza feira día 20, cando as partes exporán as conclusións.

En concreto, o 20 de xuño está marcado pola xuíza Elena Fernández Currás para documental e conclusións, con "necesidade de asistencia de todas as partes". Esta xornada, fiscal, acusacións populares e defensas deberán comunicar se manteñen ou modifican o trasladado no seu día.

Fiscalía e a plataforma de vítimas piden catro anos de cárcere para cada un dos dous acusados, o maquinista e o ex director de seguridade de Adif. Pola súa parte, as defensas rexeitan responsabilidades e piden a libre absolución.

Por tanto, ese día volverán ter que estar presentes na sala os dous acusados: o maquinista, Francisco Garzón, e o ex director de seguridade da empresa pública encargada da vía, Adif (o administrador de infraestruturas ferroviarias), Andrés Cortabitarte.

A ambos se lles atribúen 80 delitos de homicidio e 140 de lesións por imprudencia profesional grave, ao primeiro pola condución e ao segundo pola análise de riscos da liña.

Nunha etapa previa á acción civil, o xuízo abordou cuestións chave en relación coas eventuais responsabilidades polo descarrilamento do Alvia no compostelán barrio de Angrois, na liña de alta velocidade que conecta Ourense con Santiago, a pouca distancia da primeira curva, a da Grandeira, despois dun percorrido case rectilíneo e con numerosos túneles.

Ese tramo, xusto antes da estación da capital galega, carecía do sistema de seguridade 'ERTMS' de freado automático por un cambio de proxecto e ademais este fora desconectado na súa modalidade embarcada por interferencias que xeraban atrasos.

O maquinista, pola súa parte, atendía a chamada ao teléfono corporativo que realizou o interventor para preguntarlle acerca da chegada a outra terminal posterior (Pontedeume), para facilitar que baixasen do convoi uns viaxeiros.

Os informes

O día seguinte, 21 de xuño, está previsto para o comezo da exposición de informes, unha especie de resumo da proba, na que habitualmente o Ministerio Fiscal é máis conciso pero na cal os avogados das partes adoitan estenderse máis.

O representante do Ministerio Público e as acusacións populares (Apafas e a plataforma de vítimas) serán os primeiros en presentar estes informes.

A continuación hai datas fixadas para diversos grupos de letrados os días 22, 27, 28 e 29 de xuño, así como o 4, 5, 6, 11, 12, 13 e 18 de xullo.

O 19 de xullo chegaría a quenda do representante do outro maquinista que viaxaba no Alvia e o actor civil; o 20 de xullo, os de Adif e Renfe; o 26 de xullo (pasado o 24, día do aniversario), os das aseguradoras de Adif (Allianz) e Renfe (QBE) e o 27 de xullo, os das defensas dos acusados.

O calendario poderá modificarse se algunha das xornadas se prolongase máis ou menos do previsto. De manterse, o 27 de xullo os acusados poderán facer uso do seu dereito para pronunciar a última palabra.

"Dada a complexidade da causa e para facilitar e axilizar a formulación de conclusións e evacuación de informes, admitirase que as partes poidan presentar, no momento de realizarse o trámite, un escrito coas súas conclusións finais, no caso de que difiran das provisionais, e un escrito no que expoñan os argumentos do seu informe sen acompañamento de documento adicional algún", recollía a xuíza nunha providencia do pasado 28 de febreiro.