A xuízo pola 'honra' de Cementos Cosmos

Marcos Celeiro, veciño de Triacastela e presidente da Asociación O Iríbio, será xulgado o 7 de maio após a denuncia presentada pola cementeira no marco do conflito en defensa da parroquia de Vila Vella.

 

Os feitos denunciados son publicacións nas redes sociais, un vídeo pendurado en Youtube e a denuncia que Celeiro interpuxo perante a Garda Civil e que rematou por ser arquivada. Mais desde Cementos Cosmos coidan que as afirmacións lanzadas por este veciño de Triacastela e presidente da Asociación O Iríbio danan a súa 'honra', magoan a imaxe da entidade e foron proferidos co "claro ánimo de causar o máximo dano e prexuízo" polo que reclama 45 mil euros a abonar nunha organización sen ánimo de lucro. 

O proceso xudicial encádrase no marco do conflito en defensa da parroquia de Vila Vella onde Cementos Cosmos posúe unha canteira a ceo aberto cuxa actividade prexudicou os restos atopados na coñecida Cova de Eirós, como foi denunciado perante a Fiscalía pola propia asociación O Iríbio e a organización ecoloxista Adega. No concreto, atinxiu restos paleontolóxicos, arqueolóxicos e pinturas rupestres que datan de hai 200 millóns de anos. 

Cementos Cosmos sinala que as publicacións de Celeiro nas redes sociais constitúen unha "persecución online" que "vulnera os máis elementais dereitos á honra" e "imaxe de marca"

Porén, segundo a demanda presentada pola cementeira os chíos en Twitter e publicacións na rede social Facebook, através das contas persoais de Celeiro, "evidencia" unha "persecución online" e "constitúen unha auténtica campaña de acoso e derrubo que vulnera os máis elementais dereitos á honra, imaxe de marca e prestixio profesional" da empresa. Aliás, continúan, "a gravidade e a frecuencia" das "acusacións", din, "están mermando considerabelmente a imaxe de Cementos Cosmos". 

Pola súa banda, Celeiro apela á "liberdade de expresión" para se defender. "Afirmar que a canteira na que están a traballar non conta con licenza urbanística non é unha mentira. Algunhas outras cuestións refírense a opinións miñas expresadas baixo o dereito á liberdade de expresión. Divulgar as informacións que saen nos medios non é faltar á verdade nen á honra de Cementos Cosmos. Doutra banda, nunca ataquei a empresa [...] non critiquei os seus produtos ou servizos mais si a súa situación de ilegalidade, así como a destrución e pouco respecto cara ao medio ambiente", explicaba o propio Celeiro na entrevista publicada por Sermos Galiza o pasado ano con motivo da demanda presentada pola cementeira. 

Esta quinta feira (7 de maio) comezará o xuízo e foi convocada unha concentración "en defensa da liberdade de expresión" a partir das 10 da mañá perante os Xulgados de Vigo