O xuízo pola morte de Samuel Luiz comezará o 13 de setembro

Varias persoas depositando flores no lugar onde Samuel Luiz foi asasinado (Foto: M. Dylan / Europa Press).
O mozo de 24 anos que faleceu durante a madrugada do 3 de xullo de 2021 tras recibir unha malleira e insultos homófobos no paseo marítimo da Coruña.

O xuízo pola morte de Samuel Luiz, o mozo de 24 anos que faleceu durante a madrugada do 3 de xullo de 2021 tras recibir unha malleira e insultos homófobos no paseo marítimo da Coruña, decorrerá entre o 13 de setembro e o 15 de outubro na Audiencia da Coruña, mentres que o día 12 realizarase a selección do xurado popular.

Así o informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tras decretalo a maxistrada presidenta do tribunal nun auto no que especifica que as sesións comezarán ás 9.45 horas que decorrerán, durante ese período, todos os días, de segunda feira a sexta feira, en horario de mañá.

Tal e como estabelece o artigo 37 da Lei Orgánica do Tribunal do Xurado, a maxistrada emitiu o auto de feitos xusticiábeis, no que, ademais da data do xuízo, detalla os feitos que han de ser axuizados polos nove cidadáns e cidadás que comporán o xurado popular e resolve sobre os medios de proba propostos polas partes.

En concreto, expón 87 cuestións ás que deberán dar resposta, ás que se suman outras sete sobre o grao de execución do delito e a participación dos cinco acusados (catro homes e unha muller). A maxistrada presidenta tamén detalla que o xurado popular decidirá se os feitos descritos constitúen un delito de asasinato, ademais dun posíbel delito de roubo con violencia pola presunta subtracción do móbil da vítima que se atribuíu na investigación a un dos acusados.

En canto ás circunstancias agravantes, precisa que se determinará se dous dos acusados executaron os feitos relatados "por causa da súa animadversión cara á orientación sexual homosexual que lle atribuíron á vítima". Como circunstancias eximentes ou atenuantes, a maxistrada presidenta sinala que ha de estabelecerse, a través das probas presentadas na vista, se tres dos procesados, debido á previa toma de bebidas alcohólicas ou de drogas, se atopaban en estado de intoxicación, dando lugar "a algunha situación de alteración, diminución ou eliminación da súa capacidade para formar a súa vontade e comprender o alcance dos seus actos".

Probas non incluídas

No auto, a maxistrada decretou que procede admitir as probas propostas polas partes nos seus respectivos escritos de acusación e defensa, fóra dos informes policiais de visionado de imaxes e da chamada infografía forense coa correspondente reportaxe videográfica, tal e como decretou o TSXG. Ademais, de conformidade co pedido polas defensas, accedeu a que catro acusados declaren en último lugar, tras concluír o resto da práctica da proba, e a que un dos acusados declare ao principio.

Tres seguirán en prisión

A maxistrada presidenta tamén decidiu manter a medida cautelar de prisión provisional, comunicada e sen fianza, imposta a tres acusados. Outros dous, entre elas a muller, atópanse en liberdade con obrigación de comparecencias perante o xulgado. Así mesmo, procedeu a ordenar as citacións das partes, peritos e testemuñas e o libramento dos exhortos, despachos e mandamentos, así como a organización do traslado dos acusados desde o centro penal onde se atopan ingresados para a súa asistencia ao xuízo. Ademais, decretou que a letrada da Administración de Xustiza proceda ao sorteo para a designación dos 36 candidatos e candidatas a xurado, de conformidade coa Lei do Xurado.