O inicio do xuízo polo asasinato de Samuel Luiz adíase ao 16 de outubro

Varias persoas depositando flores no lugar onde Samuel Luiz foi asasinado (Foto: M. Dylan / Europa Press).

A vista, prevista para mediados de setembro, tívose que aprazar porque un dos avogados tiña previamente sinalado outro xuízo

O xuízo pola morte de Samuel Luiz, o mozo de 24 anos que faleceu durante a madrugada do 3 de xullo de 2021 tras ser agredido no paseo marítimo da Coruña, tívose que aprazar necesariamente debido a que un dos avogados defensores solicitou a suspensión por ter previamente sinalado nesas mesmas datas un xuízo con Tribunal do Xurado en causa con preso en Madrid, de conformidade co estabelecido no artigo 188.1.6 da Lei de Axuizamento Civil, informa o TSXG.

A maxistrada presidenta acordou que o xuízo se celebre entre o 16 de outubro e o 18 de novembro na Audiencia Provincial da Coruña -o día 15 realizarase a selección do xurado popular.

Tal e como estabelece o artigo 37 da Lei Orgánica do Tribunal do Xurado, a maxistrada emitiu o auto de feitos xusticiábeis, no que, ademais da data do xuízo, detalla os feitos que han de ser axuizados polos nove cidadáns e cidadás que comporán o xurado popular e resolve sobre os medios de proba propostos polas partes.

En concreto, expón 87 cuestións ás que deberán dar resposta, ás que se suman outras sete sobre o grao de execución do delito e a participación dos cinco acusados (catro homes e unha muller). A maxistrada presidenta tamén detalla que o xurado popular decidirá se os feitos descritos constitúen un delito de asasinato, ademais dun posíbel delito de roubo con violencia pola presunta subtracción do móbil da vítima que se atribuíu na investigación a un dos acusados.

En canto ás circunstancias agravantes, precisa que se determinará se dous dos acusados executaron os feitos relatados "por causa da súa animadversión cara á orientación sexual homosexual que lle atribuíron á vítima".

Como circunstancias eximentes ou atenuantes, a maxistrada presidenta sinala que ha de estabelecerse, a través das probas presentadas na vista, se tres dos procesados, debido á previa toma de bebidas alcohólicas ou de drogas, se atopaban en estado de intoxicación, dando lugar "a algunha situación de alteración, diminución ou eliminación da súa capacidade para formar a súa vontade e comprender o alcance dos seus actos".

No auto, a maxistrada decretou que procede admitir as probas propostas polas partes nos seus respectivos escritos de acusación e defensa, fóra dos informes policiais de visionado de imaxes e da chamada infografía forense coa correspondente reportaxe videográfica, tal e como decretou o TSXG. Ademais, de conformidade co pedido polas defensas, accedeu a que catro acusados declaren en último lugar, tras concluír o resto da práctica da proba, e a que un dos acusados declare ao principio.