O Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo ratifica prisión provisional para o home que prendeu lume á súa ex parella

Concentración en Vigo contra a violencia machista o pasado 17 de setembro. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
A muller agredida permanece ingresada con quimaduras graves en 35% do corpo.

O Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo ratificou esta quinta feira a prisión provisional para Borja R.R., detido a pasada fin de semana após atacar con gasolina a súa ex parella e prenderlle lume ás portas da súa vivenda, na parroquia viguesa de Valadares.

O xulgado de Instrución 1 de Vigo, que estaba de garda no momento dos feitos, decretou o pasado domingo o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza do detido, investigado por un delito de asasinato en grao de tentativa.

Após inhibirse en favor do Xulgado de Violencia sobre a Muller (ao existir unha relación sentimental entre investigado e vítima), esta quinta feira este órgano especializado acolleu unha comparecencia de trámite, na que se ratificou a medida de prisión.

Os feitos ocorreron á primeira hora da mañá do sábado, cando a muller saía da súa vivenda e foi abordada pola súa ex parella, de 41 anos de idade e veciño de Gondomar (Pontevedra), que a asperxeu con gasolina e prendeulle lume. Pouco despois foi detido por axentes de Policía, aos que chegou a enfrontarse e tentou agredir cunha botella de cervexa.

A vítima foi trasladada con queimaduras no 35% do seu corpo, primeiro ao hospital Álvaro Cunqueiro e logo á Unidade de Queimados do hospital Povisa, onde permanece ingresada.