Xustiza

Xulgan varios empresarios galegos e lusos acusados de traficar cun gas refrixerante prohibido

Este refrixerante coñécese comercialmente como gas R22.
O gas R22 está prohibido por normativa europea por contribuír á destrución da capa de ozono.

A Audiencia Provincial de Pontevedra, na súa sede en Vigo, xulga esta terza feira, a partir das 9.45 horas, varios empresarios galegos e portugueses acusados de traficar cun gas refrixerante prohibido, debido a que contribúe á destrución da capa de ozono.

A Fiscalía pide penas de máis de 2 anos de cárcere, así como multas que van de 54.000 a 72.000 euros, para varios empresarios e as súas sociedades que están acusados de comerciar cos citados gases refrixerantes, cuxo uso está sancionado por lei.

Segundo o escrito de acusación do Ministerio Público, un dos acusados é responsábel dunha empresa afincada na cidade olívica e que, cando menos desde 2010, vendía gas clorodifluorometano, coñecido polo seu nome comercial como gas R22, que se utiliza para refrixeración industrial e de buques.

A venda deste gas está prohibida por normativa europea debido a que se trata dun produto que destrúe a capa de ozono, malia que se contempla a excepción de que se poida importar, reenvasar e exportar a outros países non comunitarios. Tamén se permite vender en territorio da Unión Europea se se rexenera previamente.

A Fiscalía sostén que esta empresa e mais o seu responsábel venderon o gas sen rexenerar, a propósito de que estaba prohibido, a outras empresas, que tamén están acusadas neste procedemento xunto aos seus responsábeis, e a diferentes buques.

O Ministerio Público considéraos responsábeis dun delito de tráfico ilegal de sustancia destrutora do ozono, e solicita para cada unha das catro persoas acusadas nesta causa -dúas delas con documento portugués- a pena de 2 anos e 3 meses de cárcere, multa de 66.000 euros e 9 anos de inhabilitación para comerciar con gases refrigerantes.

Para a empresa galega que vendía o gas pide multa de 72.000 euros e a prohibición de realizar operacións de comercio de gases refrixerantes durantes 2 anos; para outra empresa galega que compraba o produto e distribuíao pide multa de 54.000 euros, a mesma multa que para outra empresa portuguesa que adquiriu o gas.