Xustiza

Xulgan unha viguesa por pintadas en coche e garaxe dun veciño con mensaxes como "micropene" ou "gorda estéril"

A acusada compareceu hoxe ante o xuíz. (Foto: Europa Press)
A procesada negou estas acusacións e sinalou que, antes deses feitos, ela mesma denunciara ser vítima de danos no seu propio vehículo. Tamén atribuíu ao denunciante unha denuncia anónima que chegou aos Servizos Sociais do Concello que derivou na apertura dun protocolo relativo aos seus fillos menores.

Unha muller de Vigo enfróntase a unha multa de 8.100 euros por un delito de danos, ao ser acusada de realizar pintadas no coche e na praza de garaxe dun veciño do seu edificio, con mensaxes como "micropene", "puta gorda estéril" ou "antipreñada". Foi xulgada esta cuarta feira na Sala do Penal 1 da cidade olívica. Os feitos remóntanse ao outono de 2021, cando, segundo a Fiscalía, a acusada realizou esas pintadas e raiou o coche da praza de garaxe lindeira coa súa, pertencente ao veciño que vivía no piso de abaixo coa súa parella.

No xuízo, a procesada negou estas acusacións e sinalou que, antes deses feitos —que ocorreron a mediados de novembro—, ela mesma denunciara ser vítima de danos no seu propio vehículo. Segundo indicou, a relación cos seus veciños non era mala, aínda que admitiu que, en varias ocasións, estes pedían que deixase de facer ruído porque lles molestaba. Por iso, explicou, ela sospeitaba que os danos no seu coche foran obra deles.

Aliás, a muller atribúe a estes veciños unha denuncia anónima que chegou aos Servizos Sociais do Concello que derivou na apertura dun protocolo relativo aos seus fillos menores. Con todo, insistiu en que non tiña animadversión cara a eles e que sempre mantivo "as distancias". Así mesmo, puntualizou que "ningún outro veciño" se queixara dos ruídos nin tivera problemas con ninguén máis no edificio.

'In crescendo'

Pola súa parte, o veciño prexudicado explicou que, ao pouco de chegaren como inquilinos ao piso, pedíronlle á veciña que moderase o ruído porque lles impedía descansar e, aínda que "ao principio tomouno ben", as molestias non cesaron. Nun momento determinado, o coche deste veciño empezou a aparecer con pequenos raiazos, restos de cuspe e outros danos menores, pero eses incidentes foron 'in crescendo', segundo esta testemuña, que relatou que o 16 de novembro pola mañá foi buscar o seu coche e atopouno con máis raiazos e pintadas, así como manchas dunha especie de masilla gris, polo que se decidiu a denunciar.

Posteriormente, apareceron máis pintadas na parede da praza de aparcamento "con mensaxes moi ofensivas" tanto cara a el como cara á súa parella: "Micropene", "puta gorda estéril", "antipreñada" e o número "666". A este respecto, a parella do denunciante, que tamén declarou como testemuña, explicou que, antes destes feitos, tivera unha conversación coa acusada relativa á maternidade. "Eu víaa soa cos nenos e solidariceime con ela. Conteille que tiña unha enfermidade e non podía ter fillos, e que me ofrecía a axudala cos seus", apuntou, e subliñou que "ninguén máis" no edificio coñecía esa información sobre a súa imposibilidade de ter descendencia.

Ademais, ambas as testemuñas negaron que eles causasen danos ao coche da acusada, ou que a denunciasen de forma anónima ante os Servizos Sociais municipais. Segundo relataron ante a xuíza, inmediatamente despois destes feitos, alugaron outras prazas de garaxe fóra do edificio e, pouco despois, acabáronse mudando da vivenda porque "a situación era insostíbel".

Informe caligráfico

Na vista decorrida esta cuarta feira compareceron dous axentes de policía en calidade de peritos, e autores dun informe caligráfico que conclúe que a acusada é a autora das pintadas denunciadas. Os policías recoñeceron que o estudo comparativo das escrituras non pode dar un cento por cento de garantías, e máis tendo en conta o soporte no que se fixeron as pintadas —unha parede—, mais incidiron en que "todo apunta" a que a acusada é autora desas pintadas.

A defensa, pola súa parte, presentou outro informe pericial que cuestiona as conclusións da Policía e cuxo autor, de feito, sinala que os axentes incidiron máis nas similitudes da escritura que nas diferenzas, cando estas eran máis numerosas.

A Fiscalía pide que a acusada sexa condenada a pagar unha multa de 8.100 euros e a indemnizar ao denunciante polo custo da reparación do seu coche. O letrado dos denunciantes engadiu tamén a acusación por trato degradante e contra a integridade moral.