A Xunta abre unha investigación sobre se houbo ou non filtracións de datas das inspeccións a residencias

Unha enfermeira nunha residencia de maiores. (Foto: Nós Diario)

O proceso inclúe o persoal que o denunciou publicamente, pero a Administración matiza que é porque engloba "a toda a Inspección"

A Xunta da Galiza abriu unha investigación sobre se, tal e como denunciou nun comunicado en agosto a Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais (Agiss), houbo ou non filtracións a empresas de residencias de maiores sobre as datas e horas nas que ían ter unha inspección.

A Consellaría de Política Social e Xuventude, á que apuntaba directamente este colectivo, negou desde o principio que avisara os centros destas visitas. Esta quinta feira, 5 de outubro, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou que hai un procedemento en marcha para dar "transparencia" a esta cuestión.

Nos últimos días, o departamento que dirixe Fabiola García citou a varios funcionarios no marco desta investigación. As pescudas tamén inclúen os autores do comunicado no que se denunciaban os feitos, o que centrou as novas críticas de Agiss.

Fontes da Xunta consultadas pola axencia Europa Press recoñecen que está en marcha este procedemento, tamén a estas persoas. Con todo, matizan que se está investigando "a toda a Inspección" e que non hai ánimo de "perseguir" aos que alertaron das supostas filtracións.

Esta quinta feira, ao ser preguntado respecto diso na súa comparecencia posterior á reunión semanal do seu Executivo, o presidente explicou que o proceso busca "saber exactamente o que pasou e se hai persoas responsábeis". "O que quere a xente é que investiguemos de modo amplo", dixo.

En todo caso, Alfonso Rueda suxeriu que "quen non sexa responsábel de ningunha conduta non adecuada cos seus deberes como funcionario público, non ten que ter absolutamente ningún problema".