A Xunta activa o plan ante risco de inundacións da Galiza para seguir o caudal do río Lérez

O río Lérez, desbordado. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)

O 112 Galiza alerta á poboación para que extreme as precaucións na marxe do río.

A Xunta da Galiza activou este sábado o Plan Especial ante Risco de Inundacións (Inungal) para realizar seguimento do caudal do río Lérez tras as choivas caídas nas últimas horas e ante as que se esperan ao longo da xornada no país.

Ante esta situación, o 112 Galiza alerta á poboación para que extreme as precaucións na marxe do río e recomenda seguir algúns consellos como o de non realizar actividades nas proximidades de espazos fluviais e non cruzar zonas asolagadas ou pontes. Ademais, explica que en caso de inundación dunha vivenda débese acceder á parte máis alta e esperar axuda.

Segundo Meteogaliza, a choiva acumulada durante as últimas 12 horas, sumada á caída desta sexta feira, supera amplamente en moitos puntos do oeste do norte atlántico galego os 100 litros por metro cadrado. 

Así, en zonas de Lousame superaron os 74 l/m2 e no Val do Dubra (comarca de Santiago), Santa Comba (Xallas) ou Boiro (A Barbanza) roldaron tamén os 60 l/m2.

Mentres, no sur, as zonas onde máis precipitacións acumuladas rexistráronse foron na comarca de Caldas en Cuntis (82 l/m2), na de Tabeirós en Forcarei (71.9 l/m2) e na de Pontevedra en Poio (70 l/m2).

Refachos por riba dos 104 quilómetros por hora

En relación aos ventos, a estación que Meteogaliza ten no Penedo do Galo, en Viveiro, rexistrou refachos por enriba dos 104 quilómetros por hora ás 02.50 horas. Tamén en Carballeda de Valdeorras, Cuntis, Lousame (comarca de Noia) ou Muras (A Terra Chá) superáronse os 95 km/h.

Meteogaliza mantén activo este sábado até as 15.00 horas un aviso amarelo por precipitacións abundantes no oeste e suroeste do país. Para este domingo, o aviso esténdese entre as 00.00 horas e as 12.00 nesas mesmas zonas.