A Xunta anuncia que para a semana creará unha comisión de expertos sobre os pellets, 1 mes despois da chegada das bólas á costa

Un dos sacos con pellets atopados en Ribeira (Foto: Elena Fernández / Europa Press).

Formada por persoal de Xunta, Goberno estatal e universidades

A Xunta mantén activo este sábado un operativo de 300 persoas que limpa de pellets e outros residuos plásticos 54 praias de 35 concellos galegos, mentres que en mar activou un dispositivo con dous helicópteros, cinco buques e sete embarcacións.

Así o avanzou este sábado en declaracións aos medios a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, tras reunirse con técnicos de Meteogalicia para analizar a evolución das correntes mariñas nos próximos días.

Até o momento, o operativo da Xunta recolleu o equivalente a 80 sacos de pellets. "Son pellets soltos todos, pero sería o asimilábel a 80 sacos", especificou Vázquez.

Ademais, os traballadores limparon un total de 1.503 quilos doutros plásticos. "Temos que facer unha batida de todas esas praias onde temos incidencia e ademais facelo de maneira integral, non só de maneira selectiva", relatou.

Así mesmo, volveu insistir na necesidade de "facer o máximo esforzo posíbel" para que os sacos que se poidan coller no mar "non cheguen a terra" e, sobre todo, "non chegarán as miles de partículas dispersas que son moi difíciles de coller".

Nesta liña, reiterou que o Goberno español debe trasladar "unha análise de riscos" porque, na súa opinión, non se pode "estar así durante dous ou tres meses".

Ángeles Vázquez asegurou que hai que saber "que pasou con ese colector", "se hai sacos ou non" no seu interior e "certificar que sucede co resto de colectores". "O que temos até agora son suposicións", lamentou antes de sinalar que "hai un responsable, o Goberno central".

Doutra parte, avanzou que a próxima semana porán en marcha unha comisión de expertos en ecotoxicidade á que convidarán o Goberno español, segundo afirmou a vicepresidenta segunda, así como a técnicos da Administración, universidades e persoal de centros especializados.

Un dos obxectivos, destacou, será que sirva para "adiantarse de cara ao futuro" e ver desde a Galiza "que é o que esiximos ao Goberno español e a Europa", xa que "non se pode permitir que os océanos acaben cheos de plásticos e destas pequenas partículas".

Ademais, outra das motivacións desta "comisión técnica" é "centralizar" a información para "seguir avanzando en estudos" e "seguir facendo reivindicacións", posto que hai que garantir "a máxima protección" para manter a "excelencia dos mariscos, peixes e augas".