A Xunta axiliza a tramitación de parques eólicos paralizados polo TSXG

Vista aérea dos Sobreirais do Arnego, que comprende os concellos de Agolada, Lalín e Vila de Cruces (Foto: Nós Diario)
O pasado mes de marzo, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) suspendía de maneira cautelar a tramitación dun total de 13 parques eólicos en todo o país, entre eles os da Zamorra e Estivada, no concello de Agolada (comarca do Deza). 

A pesar da decisión do alto tribunal galego, só dous meses despois, a Xunta da Galiza segue axilizando a tramitación destes dous parques e publicou no Diario Oficial da Galiza (DOG) do 29 de abril o acordo do 22 de marzo de 2024, da Xefatura Territorial Lugo, “polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental do proxecto de execución da solución de evacuación conxunta dos parques eólicos de Estivada e Zamorra, nos concellos de Antas de Ulla (A Ulloa), Agolada (Deza), Lalín (Deza) e Vila de Cruces (Deza)”.

Coa exposición pública anunciada, as veciñas e veciños afectados dispoñen agora dun prazo de 30 días para analizaren o proxecto e presentaren alegacións. Segundo a relación de predios recollida no DOG, son máis de 1.000 os afectados pola Liña de Alta Tensión (LAT) que prevé evacuar a electricidade desde o parque eólico, nos concellos de Antas de Ulla e Agolada, cara aos concellos de Lalín e Vila de Cruces. O proxecto destes dous parques eólicos de Zamorra e Estivada pertence á empresa Green Capital Power e conta cun investimento de 4,7 millóns de euros.

A liña de evacuación proxectada pola empresa e publicada no DOG atravesa o concello de Agolada, afectando ás parroquias de Artoño, Baíña, Órrea, Val de Sangorza, Brántega, Ramil, Borraxeiros e Carmoega. 

Os parques de Zamorra e Estivada están suspendidos de maneira cautelar polo TSXG logo dun recurso presentado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega). As persoas propietarias de predios afectados agardaban a decisión do alto tribunal galego ao respecto, logo de teren advertido mesmo de “presións” de Green Capital Power para situar os parques eólicos.

Segundo recolle o DOG, “a declaración de utilidade pública, de acordo co artigo 56.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, levará implícita, en todo caso, a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954 de expropiación forzosa”. 

As propietarias e propietarios afectados dos máis de mil predios e montes veciñais critican este procedemento aplicado pola Xunta da Galiza.

“Sorpresa” veciñal

Logo da paralización dos proxectos eólicos o pasado 5 de marzo por decisión do TSXG, veciñanza de Agolada explicou a Nós Diario a súa “sorpresa” por que a Xunta da Galiza “tramite agora de maneira apurada as liñas de evacuación duns parques que están en suspensión cautelar". Ao respecto, Xosé Ramón Blanco, veciño de Agolada, pon de manifesto que "se finalmente non se levan a cabo, non terán electricidade que evacuar", di. Ademais, veciñas e veciños critican que "non é posíbel que se lle dea a declaración de utilidade pública e a ocupación urxente dos terreos ao mesmo tempo que sacan a exposición o Estudo de Impacto Ambiental". Neste sentido, persoas afectadas acusan a Xunta da Galiza de “autorizar a ocupación dos terreos sen saber a afección medioambiental”.

De feito, un dos argumentos para a paralización destes parques foi a súa afectación á zona protexida dos Sobreirais do Arnego, pertencente á Rede Natura 2000. Veciñas e veciños de Agolada, obrigados por lei a coidar deste espazo da Rede Natura pola normativa da Xunta a respecto destas zonas, critican agora que “cheguen co DOG e eles mesmos salten por riba da súa propia normativa de afectación”.

Segundo figura na documentación do proxecto en exposición pública, Green Capital Power pretende evacuar a enerxía xerada nos dous parques paralizados instalando unha liña de alta tensión de máis de 25 quilómetros, dividida en cinco tramos, con tendido aéreo e soterrado, que atravesará Agolada até Lalín e Vila de Cruces.