Denuncia de CIG-Ensino

A Xunta blinda os concertos cos centros privados e compromete 1.550 millóns de euros para eles nos vindeiros seis anos

Anxo Louzao

Entre os centros favorecidos están os centros do Opus Dei que segregan o alumnado por sexo, critica a central nacionalista

A Xunta de Galiza blinda os concertos cos centros privadoscompromete 1.550 millóns de euros dos orzamentos da Consellaría de Educación para os vindeiros seis anos, denuncia CIG-Ensino. A Consellaría de Educación vén de publicar unha orde por medio da cal blinda os concertos cos centros privados até o curso 2022/23. A orde anterior, que remata a súa vixencia neste curso, tivo unha duración de catro anos.

Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, denuncia que “con esta blindaxe a Consellaría de Educación está comprometendo os orzamentos dos vindeiros seis anos, destinando cada ano aos concertos co ensino privado 258 millóns de euros e, por tanto, detraéndoos da pública. Esta contía supera en 22 millóns de euros a cantidade que cada ano están recibindo estes centros”.

 Louzao sinala que eses 1.550 millóns de euros que van para a privada non serán, pois, para o ensino público, non se destinarán a ampliar persoal, mellora de instalacións, dotación de recursos, reducir ratios...

Entre estes centros privados, cinco deles pertencen ao Opus Dei, que continúan segregando alumnado por sexo e contribuíndo á desigualdade de xénero. CIG-Ensino lembra que gañou un recurso no seu día e que o Tribunal Supremo considerou que os seus concertos eran ilegais. Mais, afirma o sindicato, a Lomce foi feita “para regularizar estas partidas orzamentarias e permitir un ensino que é absolutamente inadmisíbel”.