A Xunta concédelle 470.000 ás Forzas Armadas para a loita contra os lumes
O convenio asinado entre a Consellería de Medio Rural e o Ministerio de Defensa en xullo pasado e aprobado polo Consello da Xunta do día 18 dese mes entra hoxe en vigor. Trátase da operación "Centinela gallego", en virtude da cal a Administración galega achega perto de 470.000 euros para financiar o labor de vixilancia dos montes galegos até o vindeiro 30 de setembro.
Así, o Exército español despregará nun primeiro momento 27 unidades terrestres, así como dous equipos de mantemento móbil co obxectivo de "reforzar os labores de vixilancia para protexer Galiza dos incendios forestais", segundo explica o Goberno galego, que sublña que a presenza destas patrulas militares "pretende potenciar a supervision e identificación dos potenciais axentes causantes dos lumes e, ao tempo, disuadir destas prácticas delictivas". O convenio inclúe unha cláusula pola cal o número de efectivos podería triplicarse no caso de "situacións de risco alto ou moi alto, mesmo coa incorporación de dous helicópteros de vixilancia".
A sinatura do convenio da operación "Centinela gallego" vén suscitando todos os anos críticas por parte dos profesionais da prevención e loita contra os incendios, que consideran que eses cartos deberían empregarse na contratación de persoal civil cualificado para estas tarefas.