Xunta e Concello de Vigo insisten no transvasamento do Verdugo pese á fin da alerta por seca 

[Imaxe: M.O.] Encoro de Eiras

O temporal recuperou as reservas do encoro de Eiras, que estaban en mínimos históricos. Malia o acordo, ambas administracións manteñen o habitual intercambio de acusacións pola falta de investimento. 


O transvasamento de auga do río Verdugo como solución a futuras secas na cidade de Vigo e da súa contorna. Esa é a intención da Xunta e do Concello de Vigo, que manifestaron esta semana que o proxecto segue adiante malia que o temporal puxo fin á alerta declarada desde finais de outubro nunha ducia de concellos da área viguesa. E tamén pese a ampla oposición veciñal dentro dos municipios que se verían máis afectados pola obra. 
 

Mais o aparente acordo na solución “a longo prazo” entre ambas administracións non evitou o habitual intercambio de acusacións. Nin sequera sobre a calidade do auga, sobre a que veñen ofrecendo valoracións distintas. Así, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, recordou que o Goberno galego ten aprobada a construción dunha planta potabilizadora desde hai catro anos, que non se comezou. E aproveitou para reabrir un dos principais eixos de conflito, a configuración da Área Metropolitana, reclamando a competencia sobre a xestión do auga para a cidade viguesa.
 

Respondeulle a portavoz do PP en Vigo, Elena Muñoz, criticando o estado de abandono da rede de abastecemento local durante os mandatos socialistas. Tomando un informe da propia concesionaria, Aqualia, estas deficiencias son coñecidas desde 2010. A empresa asegura hoxe que a potabilizadora do Casal precisa dun investimento de 21 millóns de euros. Como exemplo da falta de mantemento, apunta que a porcentaxe de substitución das tubaxes foi do 0,1% durante o pasado ano, fronte o 2% estipulado.
 

Augas de Galiza prevé acometer unha obra permanente–máis de seis quilómetros cun custo estimado de 5,5 millóns de euros– que levaría a metade do caudal do Verdugo cara o sistema de abastecemento Eiras-Oitavén.


Con todo, o plan para o transvasamento parece case pechado. Augas de Galiza prevé acometer pola vía da emerxencia unha obra permanente–máis de seis quilómetros cun custo estimado de 5,5 millóns de euros– que levaría a metade do caudal do Verdugo cara o sistema de abastecemento Eiras-Oitavén, do que dependen os concellos de Vigo, Cangas do Morrazo, Baiona, Gondomar, Moaña, Nigrán, Redondela, Soutomaior, Vilaboa, O Porriño, Mos e Oia. Namentres, o encoro de Eiras, que estaba en mínimos históricos por baixo do 40%, recuperou as súas reservas até case o máximo permitido.


Do outro lado, a iniciativa mobilizou a miles de veciños e veciñas dos concellos que dependen das augas do Verdugo. En especial, o de Ponte Caldelas, onde numerosos lugares estiveron afectados por restricións de auga pola seca e agravadas polos lumes forestais, e que no ano 2011 xa rexeitara unha proposta similar por unanimidade do pleno municipal. O alcalde da localidade, Andrés Díaz, converteuse na cara pública da oposición ao proxecto impulsado polo seu homólogo do PSOE en Vigo. Unha protesta á que se sumaron os concellos de Pontevedra e Soutomaior.


Díaz advertiu que emprenderá accións legais contra o proxecto, por consideralo un “atentado ambiental”, e critica a “tramitación hostil” da Xunta “forzando a lei para pasar por riba do Concello e da veciñanza”. De feito, o Concello xa abriu un expediente sancionador contra a empresa encargada de realizar as medicións topográficas para a obra. Na mesma liña, o BNG anunciou que denunciará o transvasamento ante as autoridades europeas a través da súa portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, por entender que incumpre a normativa comunitaria de augas.
 

Segundo o previsto, o proxecto será executado nos próximos seis meses sen contar con estudos de impacto, sen período de exposición pública nin exame de alegacións, e non precisará da licencia municipal. A Xunta e o Concello de Vigo defenden que conta con todas as garantías técnicas e que as obras non afectarán o subministro dos concellos.