A Xunta da Galiza activa mañá a alerta amarela por calor nestes concellos

Dúas persoas camiñan por una vía en plena onda de calor en Ourense, nunha imaxe de 2023. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O episodio de calor afectará principalmente ao día de mañá e prevese unha duración de 3 días.

A Xunta de Galiza activa, para a xornada de mañá quinta feira, o nivel amarelo por episodios de calor na comarca de Valdeorras,. No marco do Plan de actuacións da Xunta fronte aos posíbeis efectos das altas temperaturas sobre a saúde, infórmase da alerta por episodio de calor que afectará principalmente ao día de mañá e prevese unha duración de 3 días.

Así, durante a xornada da quinta feira a zona en alerta amarela pola vaga de calor será: A zona de Valdeorras, que engloba aos concellos do Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.

Para ter a consideración de episodio ou ola de calor, aínda que as temperaturas sexan elevadas durante o día, analízanse tamén as temperaturas mínimas que se acadan á noite.  No caso en que as temperaturas diúrnas e nocturnas superen os limiares medios históricos dunha zona é cando se decreta o episodio de menor ou maior duración, segundo o caso. Polo tanto, as previsións actualízanse cada día segundo evolucionen as temperaturas.

Recomendacións sanitarias

A Consellaría de Sanidade traslada á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor.  É importante beber máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Ademais, deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou aquelas moi azucradas. Recoméndase comer verduras e froitas e evitar as comidas copiosas.

Respecto da vestimenta, recoméndase o uso de roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible e nunca inferior a quince.

Aos familiares ou veciños que vivan sos é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.