Sanidade pública

A Xunta da Galiza amortizou 110 prazas de persoal médico en Atención Especializada

Traballadora nun corredor dun hospital público galego. (Foto: Europa Press)

A amortización de prazas de persoal facultativo –isto é, suprimilas cando quedan vacantes– déixase notar en todos os niveis sanitarios. Se en 2022 se perderon 22 médicos en Atención Primaria, nesa mesma anualidade suprimíronse 110 profesionais en Atención Especializada. A idade media dos cadros de persoal dos centros de saúde e hospitalarios avanzan un agravamento da situación.

6.105 facultativas e facultativos prestan os seus servizos na rede de hospitais do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Segundo os datos achegados neste mes polo Instituto Galego de Estatística (IGE) para 2022, último ano con cifras, a Xunta da Galiza amortizou nese exercicio 110 prazas de médicas e médicos nos centros públicos de Atención Especializada. Isto significa o maior recorte de profesionais de toda a serie histórica, superando o rexistro de 2009, cando o primeiro Goberno de Alberto Núñez Feixoo suprimiu 107 facultativas e facultativos.

A especialidade de Medicina Interna é unha das máis afectadas polos recortes do Goberno galego. Malia tratarse dunha disciplina básica para o funcionamento dos hospitais, suma a parte máis numerosa das prazas amortizadas pola Xunta, alcanzado 42 baixas na anualidade referida. Precisamente, estas políticas están a provocar unha mingua na calidade asistencial e unha sobrecarga de traballo nas e nos profesionais con esta especializade, que nos últimos anos están a marchar da sanidade pública galega.

A fuga de internistas

Os colexios médicos galegos veñen denunciando nos últimos anos a situación das médicas e dos médicos internistas. Neste sentido, culpan o Goberno galego do "importante déficit" de persoal desta especialidade por impor unhas condicións laborais que "non garanten a estabilidade no emprego" e alertan da emigración dos profesionais cara a fora da Galiza. Así, por exemplo, o servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) perdeu seis especialistas nesta disciplina entre os anos 2020 e 2022.

A idade media dos cadros de persoal facultativo do Sergas apunta a un empeoramento da situación. Segundo os datos achegados a pasada semana polo Instituto Nacional de Estatística (INE) para o ano 2023, Galiza conta con 15.988 médicas e médicos colexiados, 7.986 dos cales superan os 55 anos, atopándose 3.054 destes xubilados. Así, 4.932 facultativos en activo están próximos á xubilación, o que obrigará ao seu relevo en 10 anos.

As cifras fornecidas polo INE, procedentes dos datos achegados polos colexios médicos, indican que 3.027 facultativos rexistran un idade inferior a 35 anos. Neste caso, representan 18,9% do total dos profesionais colexiados, un cifra 2,5 puntos por baixo da media do conxunto do Estado español.

Menos camas

Os recortes de profesionais na Atención Especializada afectan a todas as áreas da xestión hospitalaria. Neste sentido, os hospitais galegos dispoñían de 8.644 camas en funcionamento en 2022 –último ano analizado–, o que supón 15 menos que o ano anterior, 428 menos que en 2014 e 1.388 menos que en 2004. A este respecto, a taxa de camas hospitalarias en funcionamento é de 2,9 camas por cada 1.000 habitantes, 1,8 puntos inferior a hai 18 anos.