A Xunta deixa sen executar 6 millóns de euros para prevención do abandono escolar

En Galiza a taxa de abandono escolar temperá é de case 15%, menor que a media española mais catro puntos por riba da media europea.

A Xunta deixou sen executar 6,2 millóns de euros dos 19,7 orzamentados para 2017 no programa de prevención do abandono escolar. Denúnciao o PSdeG, que critica que o goberno galego “priorice a propaganda fronte á efectividade política” na execución deste programa. Puxo en cuestión a eficacia das políticas do goberno galego, que “pasa de executar só 13,5 millóns de euros en 2017 a orzamentar 23 para 2018” precisamente co antecedente da baixa execución deste programa.

 

O portavoz de Educación do grupo socialista, Luis Álvarez,  anunciou que no próximo Pleno do Parlamento incluirá unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta un informe sobre a aplicación do I Plan de actuacións para a igualdade nos centros educativos de Galicia. 

 

Galiza fechou 2017 coa taxa máis baixa de abandono educativo temperá desde que se dipón de rexistros, un 14,9 por cento, tres puntos por baixo da media española. Porén, hai seis territorios do Estado con mellor rexistro que Galiza. E o noso país ten unha taxa superior en catro puntos á media europea.