A Xunta deixa Valdeorras sen ambulancia de SVA

Un traballador do servizo de ambulancias do 061 durante o traslado dun paciente. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A comarca rexistra a máis elevada taxa de mortalidade laboral de toda  Galiza.

O distrito sanitario de Valdeorras non contará cunha ambulancia asistencial de Soporte Vital Avanzado (SVA). O equipamento foi reclamado en distintas ocasións polos colectivos en defensa da sanidade pública e pola totalidade das forzas políticas con presenza na comarca. Sen ir máis lonxe, o pasado mes de outubro o Concello do Barco aprobou por unanimidade unha petición nese sentido.

O novo mapa do transporte sanitario

A Xunta da Galiza estabelece no prego de cláusulas administrativas para a contratación de transporte sanitario urxente terrestre de 061 que para o vindeiro período manterá os recursos existentes de ambulancias de Soporte Vital Avanzado, pondo en marcha só dous novos equipamentos deste tipo. Un deles, emprazarase no distrito sanitario do Salnés, onde comezará a funcionar unha vez resolto o contrato un SVA medicalizado. O outro, terá a súa base no concello de Lalín, na comarca do Deza, que disporá dun SVA de enfermaría.

O voceiro municipal do BNG no Barco de Valdeorras, Suso Vilasánchez denuncia que “négase o servizo de SVA para o distrito de Valdeorras pese a ter a taxa mais alta de mortalidade por accidente laboral da Galiza para o período de 1995 a 2021”. Asemade, lembra que “é o distrito sanitario máis afastado dos grandes hospitais de referencia, e cunhas vías de comunicación deficitarias” e sinala que “Valdeorras non merece estes desprezos, a vida da nosa xente vale tanto como a de calquera outro lugar, non somos cidadáns de segunda”.

O caso de Valdeorras

Vilasánchez advirte que “a nova ambulancia asistencial con que dotan ao concello da Veiga (comarca de Valdeorras) non é unha ambulancia de Soporte Vital Básico, e moitísimo menos unha ambulancia de Soporte Vital Avanzado”. Neste punto, aclara que “e simplemente unha ambulancia con material moi básico, unha ambulancia sen persoal sanitario, e que só conta cun condutor que está imposibilitado de facer nada por un paciente mentres conduce”.

SVA

As ambulancias de Soporte Vital Avanzado contan con equipamento e dotación para prestar asistencia sanitaria in situ a pacientes críticos, no menor tempo posíbel, con persoal especializado e cos elementos necesarios para a realización de manobras de soporte vital avanzado. Neste sentido, as ambulancias SVA con médico prestan servizo 24 horas, os 365 días do ano, mentres a SVA con enfermaría prestanasistencia sanitaria durante 12 horas, os 365 días do ano.