Ensino

A Xunta delega en Naturgy a formación do profesorado de FP encargado de impartir a materia de Sustentabilidade

O conselleiro de Educación (á esquerda) a semana pasada na visita sobre FP Dual á empresa Thune. (Foto: Xunta da Galiza).

A Formación Profesional lidera o proceso de privatización do sistema educativo na Galiza. O mesmo desenvólvese mediante o aumento da oferta educativa nos centros concertados en detrimento dos públicos e a entrega da formación do profesorado a grupos empresariais privados. 25% do alumnado da FP cursa os seus estudos na rede privada.

Vigo é un paradigma da privatización da FP na Galiza. Nesta cidade, 25 centros que imparten diversos ciclos de Formación Profesional son de titularidade privada e só nove deles fan parte do sistema público. Así, entre os primeiros aparecen empresas sen vinculación coa educación como Nortempo, unha compañía dedicada á xestión de recursos humanos e cunha división que ofrece servizos de Empresa de Traballo Temporal (ETT).

A sección do Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG) denuncia que “se están apuntando á mercantilización da FP todo tipo de empresas: academias, colexios tradicionalmente de Infantil, Primaria e ESO, mesmo os do Opus que segregaban por xénero o alumnado e que tamén deben ter problemas de natalidade, empresas de traballo temporal, empresas que operan no ámbito sociosanitario de forma moi descarada combinando a formación teórica nunhas instalacións de carácter educativo e a parte práctica directamente no centro sanitario ou no centro de día ou residencial que xestionan”.

Privatización

O sindicato nacionalista explica que “é tal o escándalo de todo o que se move arredor da FP que algunhas empresas están autorizadas por administracións educativas de fóra de Galiza pero están impartindo ciclos, sobre todo a distancia, para todo o Estado, a saber con que contidos e con que profesorado, porque imaxinamos que se a autorización vén de fóra a inspección educativa galega non está a comprobar esa información”. Nesta dirección, sinalan que os principais favorecidos deste modelo son as grandes compañías e grupos empresariais.

A denominada FP dual, a punta de lanza do proceso privatizador, é a modalidade menos demandada polo alumnado que opta pola FP. Sen ir máis lonxe, no curso 2023/2024  até 25,7% das prazas ofertadas neste modelo ficaron desertas fronte ao resto das modalidades onde as solicitudes chegaron nalgún caso, como na ordinaria, ao superar a oferta existente en 316%. Neste sentido, a CIG-Ensino “rexeita de pleno esta modalidade, basicamente pola precarización laboral que supón, dado que en moitos casos o alumnado é empregado para substituír persoal da propia empresa ou para realizar tarefas que non lle corresponden".

Naturgy

A Xunta da Galiza vén de delegar na Fundación Naturgy a formación do profesorado de FP encargado de impartir o ensino de Sustentabilidade aplicada aos sectores produtivos a partir do vindeiro curso. Esta materia está fixada como obrigatoria en todos os ciclos pola Lei orgánica 3/2022, de 31 de marzo, de ordenación, integración da Formación Profesional, que atende así as disposicións comunitarias derivadas da aplicación da Axenda 2030.

A eléctrica acompaña a formación en Sustentabilidade con cursos ligados as súas áreas de negocio, como Gas renovábel: o futuro da enerxía e o ambiente ou Asesor enerxético en contornas vulnerábeis.