A Xunta denega a autorización ambiental a un parque eólico nas comarcas de Chantada e Ourense polos seus "efectos adversos" sobre patrimonio e fauna

Eólicos no interior da Galiza (Foto: Arxina)

O obxectivo da iniciativa era desenvolver un parque eólico con oito aeroxeradores e unha potencia total instalada de 48 megawatts.

A Xunta denegou a autorización ambiental ao proxecto de parque eólico Avoceta Wind, que se levantaría entre os concellos de Carballedo (comarca de Chantada), Coles, Pereiro de Aguiar, Cea, Vilamarín e Ourense (comarca de Ourense), debido aos seus "efectos adversos" sobre patrimonio cultural e natural.

Precisamente esta segunda feira o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou o anuncio da Conselaría de Medio Ambiente e Cambio Climático polo que se fai pública esta declaración de impacto ambiental desfavorábel.

O obxectivo da iniciativa era desenvolver un parque eólico con oito aeroxeradores e unha potencia total instalada de 48 megawatts.

Na súa resolución, a Xunta explica que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural enviou un informe desfavorábel debido á afectación do proxecto.

En concreto, indica que na zona habitan especies de aves e quirópteros que están incluídos no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, polo que a infraestrutura "producirá efectos acumulativos e sinérxicos durante a fase de explotación".

Ao seu xuízo, un aumento dos xeradores eólicos xeraría "efectos adversos importantes" sobre a fauna.

Entre outros motivos, o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural tamén explica que a liña enterrada de evacuación invadiría a contorna de protección de, polo menos, 16 elementos arquitectónicos e etnolóxicos.