Medio Ambiente

A Xunta denega a autorización ambiental polo seu impacto dun novo parque eólico na Serra da Groba

Mobilización en contra dos parques eólicos na serra da Groba en 2021. (Foto: SOS Groba)
O proxecto, que recibiu perto de 2.000 alegacións de diferentes entidades, contaba coa previsión da posta en marcha de catro aeroxeradores, cunha potencia total instalada de 22,8 megawatts (MW), e un investimento de máis de 20 millóns de euros.

A Xunta da Galiza vén de denegar a autorización ambiental para un parque eólico, chamado Torroña I, entre os municipios de Baiona, Oia e Tomiño (comarcas de Vigo e Baixo Miño), promovido pola sociedade Renovables del Norte, polas súas "repercusións negativas sobre o patrimonio arqueolóxico e a paisaxe" na contorna da Serra da Groba, o Camiño de Santiago e diferentes zonas naturais.

O proxecto, que recibiu perto de 2.000 alegacións de diferentes entidades, contaba coa previsión da posta en marcha de catro aeroxeradores, cunha potencia total instalada de 22,8 megawatts (MW), e un investimento de máis de 20 millóns de euros. Así figura na resolución publicada esta cuarta feira polo Diario Oficial da Galiza (DOG), que asina a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, María Sagrario Pérez Castellanos.

Entre os informes presentados, o Instituto de Estudos do Territorio constata "un forte impacto" de aeroxeradores de 230 metros de altura sobre a Serra da Groba, Corroubelo e Chan da Valga, así como sobre miradoiros, Camiño de Santiago e rutas de sendeirismo. Ademais, a Groba "veríase afectada polas obras de acondicionamento dos camiños de acceso e o trazado da rede de evacuación da enerxía, afectando este territorio no cal, a día de hoxe, non existe ningún parque eólico en explotación ou autorizado, diminuíndo drasticamente o valor estético, natural e panorámico da contorna".

Pola súa parte, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informou de forma desfavorábel polo "impacto que producirían" os aeroxeradores no Camiño Portugués da Costa e as igrexas da contorna. Tamén se avisaba da incidencia en xacementos arqueolóxicos, coa presenza de arte rupestre considerada como ben de interese cultural (BIC).

Igualmente, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural avisa de que, "a escasos 630 metros das infraestruturas do parque eólico", localízase o espazo natural protexido das Sobreiras do Faro, que conta coa figura de espazo privado de interese natural (EPIN) e está incluído no catálogo de árbores singulares. Tamén chama a atención sobre a necesaria protección de aves e fauna na zona húmida de Cruz de Pau.

Parque eólico en Castroverde e Pol

Noutra orde de asuntos, o DOG publica esta cuarta feira un anuncio da Consellaría de Economía polo que somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e o estudo de impacto ambiental da ampliación do parque eólico Monciro, entre os municipios de Castroverde e Pol, nas comarcas de Lugo e Meira. Está impulsado por Naturgy Renovables e prevé a instalación de dous aeroxeradores (6,9 megawatts), cun investimento de 7,2 millóns de euros.