A Xunta destinará 700.000 euros a subvencionar a rehabilitación dun edificio en Vigo para pisos turísticos

Vigo (Foto: Nós Diario)

O proxecto, segundo destaca a Xunta, busca "impulsar a economía local".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou esta segunda feira dos proxectos beneficiarios da liña de axudas convocadas por Turismo da Galiza para apoiar iniciativas "tractoras" que supoñan a rehabilitación con usos turísticos de lugares singulares do Camiño de Santiago.

Segundo anunciou, trátase de subvencións deseñadas no marco do 'Plan Xacobeo Next Generation', que contaron cun investimento de 5,3 millóns e que supoñen dotar de uso hostaleiro e de restauración o mosteiro de Oia, así como a rehabilitación en Cabo Silleiro (Baiona) do faro pequeno para acoller un restaurante e do faro grande para acoller un hotel e un restaurante.

En Vigo, ademais, contémplase a rehabilitación integral dun edificio do Paseo Alfonso XII para acoller apartamentos turísticos. O proxecto aprobado é o presentado por Fyneko Real State Investiment Trust, que expón unha rehabilitación integral dun inmóbel cunha planta baixa e tres andares e baixo cuberta, do que se conservan só as fachadas e os muros interiores que configuraban a caixa da escaleira orixinal.

O proxecto, segundo destaca a Xunta, busca "impulsar a economía local" e promover a excelencia na oferta turística, polo que a empresa presenta acordos con diversas entidades privadas locais de restauración e gastronomía, e levaron a cabo negociacións cunha ampla gama de restaurantes, bares e empresas de cátering locais.

A subvención supera os 699.000 euros (35% por cento do investimento).

O número de vivendas de uso turístico (VUT) na Galiza aumenta ano tras ano desde que os rexistros levan a contabilidade deste tipo de inmóbeis. O Instituto Nacional de Estatística (INE) apunta que o incremento de VUT na Galiza nestes dous últimos anos apenas tivo parangón. Se a media estatal no aumento de pisos turísticos de 2022 a 2024 foi de 23%, na Galiza situouse por riba de 40%. 

En apenas dous anos o número de vivendas de uso turístico en territorio galego aumentou até superar as 26.000, segundo o último rexistro da Xunta da Galiza. Ese 41% de incremento supera a suba rexistrada nese mesmo período en territorios tan turísticos como Andalucía (+35%), Illes Balears (+6%), Catalunya (+28,6%), País Valencià (+25%) ou a Comunidade de Madrid (+27,6%).