A Xunta anuncia que o Goberno español defenderá ante o TXUE a lei estatal na que se basea Galiza para tramitar eólicos

(Parque eólico no norte da Galiza Foto: Nós Diario)
Técnicos da Administración galega e española reuníronse en Madrid.

Representantes do Goberno español confirmaron a técnicos da Xunta da Galiza que o Estado español se persoará ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) en defensa da lei estatal de avaliación ambiental, na que se basea a tramitación galega dos proxectos eólicos.

Diso informa a Xunta a través dun comunicado despois desta reunión mantida en Madrid entre persoal técnico e xurídico do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e unha delegación da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Após este encontro, a secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente, Carmen Bouso, en declaracións aos medios, destaca que o Estado vaia persoarse no caso xudicial que está no TXUE sobre a tramitación de eólicos na Galiza "para defender, como non pode ser doutra maneira, a lei estatal de avaliación ambiental, na que se fundamentou Galiza" nestes procedementos.

Precisamente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) elevou unha serie de cuestións prexudiciais á xustiza europea sobre se a Xunta debeu pór a disposición do público interesado, e non só dos promotores, os informes sectoriais sobre os parques eólicos para que puidesen participar no proceso. O TXUE rexeitou tramitalo polo procedemento acelerado, pero si lle dará prioridade sobre outros asuntos.

Neste contexto produciuse esa reunión entre o Ministerio e a Conselaría. Nela, sempre segundo a Xunta, os altos cargos estatais prometeron que defenderán a lexislación española de avaliación ambiental "coa maior celeridade posible" porque se fixo unha correcta transposición da directiva europea.

En palabras da secretaria xeral técnica de Medio Ambiente, isto servirá para "dar seguridade xurídica a todos, non só aos promotores dos proxectos eólicos", e para poder "desbloquear a parálise do sector en Galiza".

De feito, Bouso advertiu que isto pode afectar ao resto do Estado e a calquera proxecto que aproveite o territorio, non unicamente eólico.