A Xunta di que "terá en conta" a sentenza europea que pode anular o proxecto de Altri

Diego Calvo (centro) presidiu esta segunda o Consello da Xunta. O presidente, Alfonso Rueda, ausentouse da reunión semanal para acudir á Xunta Directiva do PP estatal. (Foto: Xunta da Galiza)
O Goberno galego afirma que "terá en conta" a resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que abre a porta a anular o proxecto de celulosa de Altri na comarca da Ulloa. De cumprir o Goberno galego esta afirmación, a avaliación ambiental do proxecto de pasteira en Palas de Rei podería ser negativo.

O18 de xullo Nós Diario avanzou en exclusiva unha resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que abre a porta a anular o proxecto de celulosa de Altri na Ulloa. A resolución —a raíz dunha consulta da xustiza italiana— estabelece que, á hora de dar unha autorización a unha instalación industrial, a Administración debe ter en conta todas as emisións contaminantes propias da natureza e tipo de actividade fabril da que se trate, tanto se foron avaliadas inicialmente como se non e sempre que o seu carácter nocivo fose recoñecido cientificamente. As resolucións da máis alta instancia xudicial da UE son de obrigado cumprimento para os Estados membros.

O proxecto de Altri para conseguir as autorizacións administrativas para erguer unha celulosa na Ulloa, incumpriría as disposicións do TXUE, pois o Estudo de Impacto Ambiental (EIA) só contempla catro substancias contaminantes cando a súa actividade, inciden desde organizacións como a ecoloxista Adega, implica unha "morea de contaminantes perigosos para a saúde e o ambiente" e que "oculta" no EIA.

Unha sentenza vinculante

Nós Diario preguntou esta segunda feia a Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, na súa comparecencia após o Consello da Xunta —Calvo substituíu Alfonso Rueda, ausente da reunión semanal do seu equipo para acudir á reunión da  dirección do PP estatal— se o Goberno galego ía aplicar esta sentenza europea en relación a Altri. "A Xunta da Galiza será estremadamente rigorosa á hora de aprobar a avaliación ambiental de Altri", respondeu Calvo á cuestión formulada por este xornal. Engadiu, ademais, que "os técnicos da Xunta terán en conta todo o que a lexislación estabelece que se debe ter en conta. As declaracións de impacto ambiental fanse o máis rigorosas posíbeis”. 

A resposta do conselleiro de Presidencia, de se traducir efectivamente na aplicación desta sentenza do TXUE, podería derivar no rexeitamento por parte da Administración galega da autorización a Altri. Ao longo de todos estes meses, unha máxima defendida polo presidente Alfonso Rueda cando se pronunciaba sobre o proxecto para Palas de Rei era que a Xunta actuaría en base a un "rigoroso" cumprimento da lei. A lexislación europea, con esta sentenza do TXUE, abre a porta agora a que a lei poida impedir aprobar o proxecto da pasteira para a Ulloa tal e como foi formulada. O Goberno galego traballa ademais coa previsión de ter listo a inicios de 2025 o informe de impacto ambiental do proxecto de Altri.

O ecoloxismo exixe á Xunta denegar o permiso

A semana pasada, Adega remitiu unha petición á Xunta da Galiza na que a instaba a desestimar o actual proxecto de Altri de acordo coa interpretación do TXUE. Belén Rodríguez, secretaria executiva da asociación, indicou esta segunda feira a Nós Diario que ao Goberno galego "non lle queda outra" que ter en conta a resolución emitida pola máxima instancia xudicial europea.

"O que di o tribunal, en resumo, é que a avaliación ambiental debe ter en conta non só o impacto no ambiente, tamén  sobre a saúde das persoas, e esa avaliación Altri non a fai", explica Rodríguez. De aí, considera, que o mínimo que tería que facer a Xunta sería pedir á multinacional portuguesa que faga unha avaliación incluíndo o posíbel impacto sobre a saúde, "cousa que non fai no que está sobre a mesa para a súa análise" pola Administración.

Pola súa parte, Marta Gontá, voceira da Plataforma Ulloa Viva, indica a este medio que “celebramos que a Xunta da Galiza asuma que vai ter en conta sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea”, engadindo que “con esta sentenza na man entendemos que todos os permisos e autorizacións que Altri está a tramitar diante do Goberno galego terán que ter un informe desfavorábel”. As autoridades e expertos na materia a nivel europeo, conclúe Gontá, “levan meses advertindo de que o proxecto de Altri non cumpre coa legalidade, que a Xunta da Galiza o autorice non sería razoábel”. 

Neste mesmo sentido, Carlos Aymerich, profesor da área de Dereito Público na Universidade da Coruña (UDC), explicou a Nós Diario que “a resolución [do TXUE]  deixa claro que non se pode autorizar unha fábrica nova cando no seu Estudo de Impacto Ambiental non se recollan todas as emisións que teñan un impacto significativo no ambiente”.

Captación de auga

Nós Diario tamén interpelou  esta segunda o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, ao remate da rolda de prensa, sobre a resolución da solicitude de captación de augas do río Ulla procedentes do encoro de Portodemouros presentada pola multinacional Altri. O conselleiro afirmou descoñecer se a Xunta da Galiza emitirá ou non esta semana o seu ditame.