Traxedia en Ourense

A Xunta di que o tabique cuxa caída provocou a morte dun rapaz "estaba aparentemente en bo estado"

Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta, desprazouse esta cuarta feira até o lugar do sinistro. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Persoas usuarias do IES Julio Prieto Nespereira de Ourense aseguran que as deficiencias neste centro de ensino "eran sabidas".

O Goberno galego defende que o tabique dos vestiarios dun instituto de Ourense cuxa caída causou a morte dun rapaz estaba en "bo estado" antes de que se producise o sinistro esta cuarta feira.

Así o vén de manifestar o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, quen participou esta quinta feira no minuto de silencio realizado ás portas do IES Julio Prieto Nespereira, o lugar onde se produciu o accidente.

Desde a tarde desta cuarta feira, cando se coñeceron os feitos, todo o equipo da Consellaría de Educación reuniuse na cidade das Burgas para facer seguimento do acontecido, "á expectativa" das novas informacións que poidan ir xurdindo.

Na súa intervención, Alén defendeu que ese tabique derrubado databa de 2001 e que, "en aparencia, estaba en bo estado". Aliás, dixo que xa se revisou o vestiario feminino, que é "similar" ao masculino e "non presenta ningún tipo de deficiencia".

O delegado da Xunta insistiu, ante as voces de persoas usuarias do centro de ensino que aseguran que eran sabidas, en que na Administración "previamente non se tiña ningún tipo de coñecemento". Alén púxose ao dispor da investigación, que determinará o ocorrido, mais non quixo entrar en eventuais responsabilidades e limitouse a ofrecer a "máxima colaboración".

O suceso, segundo trasladou o CIAE 112 Galiza, tivo lugar minutos antes das 14 horas desta cuarta feira. A esa hora foi cando os servizos de emerxencia recibiron o primeiro aviso, e até o lugar desprazáronse as Urxencias Sanitarias, os bombeiros de Ourense e a Policía Local.

Dúas vítimas quedaron atrapadas baixo os restos e foi necesaria a intervención dos bombeiros para liberalas. Con todo, unha delas faleceu no lugar, mentres que a outra foi evacuada de emerxencia a un centro hospitalario. Tanto o falecido como o ferido cursaban 3º de ESO e acababan de rematar unha clase de Educación Física.

A CIG pide "cautela"

O secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, pediu esta quinta feira "cautela" e que "non se alimente ningún tipo de dúbida" até que a investigación determine as causas do derrubamento do muro.

A preguntas de Europa Press, Bermello indicou que a CIG xa se puxo en contacto co centro para ofrecer todo o apoio ao profesorado e expresar as condolencias por este suceso. Con todo, apuntou, "non é o momento" de analizar o accidente e a posíbel "existencia ou non" de deficiencias, até "coñecer con máis detalle o sucedido".

"Temos que ser moi cautelosos con este tema", dixo Bermello, que lembrou que a Xunta ten "todas as competencias" na xestión dos institutos. "O único que pedimos polo momento é que se sexa moi cauteloso por parte dos máximos responsábeis políticos da Xunta á hora de facer declaracións, e ten que quedar perfectamente claro que o profesorado dese centro, igual que o resto, sempre ten un trato absolutamente exquisito con todo o que ten a ver coa atención ao alumnado", precisou.

En todo caso, Suso Bermello avanzou que a CIG-Ensino ficará ao carón do profesorado no caso de que a Xunta "pretenda declinar parte da súa responsabilidade, se a hai", resolveu.